A CIG mobilizarase o 30 de xaneiro en todas as comarcas para esixir a derrogación real das reformas laborais
A CIG convocará unha xornada de mobilizacións en todas as comarcas para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010. Ademais, o día que se celebre o Pleno do Congreso no que se convalide o RD/lei 32/2021, que previsibelmente será o 3 de febreiro, a CIG tamén se concentrará diante Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo.
Así se anunciou nas asembleas de delegados e delegadas que a CIG realizou este xoves en todas as comarcas para avaliar as modificacións normativas e debater as accións a desenvolver no camiño de esixir unha derrogación integra e real das reformas laborais e avanzar na conquista de novos dereitos que fortalezan a clase traballadora nun momento de crise, sobreexplotación e de medre da precariedade.
Unha "non reforma"
A CIG xa denunciou que esta nova reforma laboral, saída do acordo pactado nun marco tan antidemocrático e sen soporte xurídico como o diálogo social, non permite a restitución dos dereitos roubados nin gaña outros novos xa que se manteñen intactos os aspectos máis lesivos da brutal lexislación aprobada polo PP en 2012 e que xa fora iniciada en 2010 polo PSOE.
De feito, incide o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esta "non reforma" non é máis que unha actualización da normativa previa para adaptala ao marco do plan de recuperación da crise capitalista deseñado pola Unión Europea baixo a marca NextGeneration". Neste senso, advirte que se mantén intacto o principio ideolóxico de "flexiseguridade" que inspirou a lexislación laboral da pasada década "e que non deixa de significar máis precariedade".
Critica que, malia toda a propaganda coa que se nos presenta, non hai unha derrogación das reformas previas, senón ao contrario, "preténdese consolidar a peor versión posíbel da reforma laboral de 2012: nin se recupera a indemnización por despedimento nas contías previas, nin os salarios de trámite, nin a autorización administrativa dos ERE, mantéñense os recortes nas coberturas do FOGASA e afóndase na centralización das relacións laborais, facendo prevalecer de forma moi agresiva os marcos estatais da negociación colectiva e doutros mecanismos para regular as condicións de traballo, como son os ERTE".
Grave incumprimento dos compromisos programáticos
Por iso, o secretario xeral da CIG valora que o RD/Lei constitúe un grave incumprimento dos compromisos programáticos do PSOE e UP, "que prometeran derrogar a reforma laboral ao chegaren ao goberno, mesmo plasmando este compromiso por escrito. Pero o único que están facendo é consolidar o golpe de estado aos dereitos da clase traballadora que significaron as reformas de 2010 e sobre todo, a de 2012. E faise ademais, mediante a artimaña do diálogo social e pretendendo suplantar os órganos lexislativos".
A este respecto, Carril critica que o acordo alcanzado nas mesas de concertación social supón que, máis de 10 anos despois, "CCOO e UGT avalen a reforma laboral do PP que non asinaron no seu día, renunciando expresamente á reivindicar un marco regulador que responda ás demandas e intereses da clase traballadora".
Diante disto, reiterou o chamado ás forzas nacionalistas e de esquerdas a non validar co seu voto un diálogo social "que se ten convertido no enterrador dos dereitos da clase obreira".
Advirte Carril que con este texto estase configurando un mercado laboral con despedimentos practicamente libres pola facilidade que o empresariado ten para levalo adiante e porque resulta absolutamente barato; e ao tempo avánzase nunha realidade de permanente temporalidade, eventualidade e inseguridade laboral a través de diferentes cambios introducidos na tipoloxía de contratos. Ademais, mantense o poder absoluto da patronal á hora de tomar decisións sobre despidos individuais e colectivos, modificacións substanciais das condicións de traballo e descolgues salariais.
Afóndase na centralización das relacións laborais
A nova reforma mantén tamén a estrutura da negociación colectiva, na que a prevalencia dos convenios estatais significa impedir os marcos propios de relacións laborais a través dos convenios autonómicos ou provinciais, que se teñen demostrado unha ferramenta fundamental da clase traballadora para a conquista de dereitos e de mellora das condicións laborais.
Deste xeito continúase impedindo que nos ámbitos de negociación máis próximos se aborden determinadas materias que fican reservadas para o ámbito estatal, que actualmente funciona como tapón salarial. Tampouco se reverte un dos aspectos máis lesivos da norma de 2012: que sigan tendo prioridade de aplicación os convenios de empresa e que estes poidan contemplar peores condicións que de sector, agás en materia de salarios. "O convenio de empresa seguirá a ser un instrumento para rebaixar condicións en aspectos tan relevantes como as horas extras, o horario ou o traballo a quendas".
Mantense a precariedade
Sobre os aspectos presentados como novidosos, referidos á precariedade, á subcontratación e á temporalidade, non se crea nin se asegura ningún dereito, xa que non se pecha a porta a que as empresas sigan facendo abuso da temporalidade e da subcontratación. De feito, na nova regulación, estas cuestións limítanse a unha simple transcrición do que xa se estaba gañando a través da xurisprudencia.
A maiores, foméntase a precariedade a través dos novos contratos formativos, polo que a pouca mocidade galega que non teña emigrado será carne de canón da explotación laboral, co complemento perfecto deste “cóctel molotov” que é a aprobación da lei orgánica de Formación Profesional. Xa que a través desa falsa formación dual para integrar a mocidade no mundo do traballo o que se busca é precarizar as condicións laborais da xente nova, que seguirá tendo baixos salarios.