A CIG mobilizarase nun Gadis de Ferrol en protesta pola excesiva carga de traballo nas tendas
A CIG-Servizos de Ferrol ten convocada unha concentración na porta do Gadis de Ultramar para o vindeiro 15 de decembro ás 11 horas, en protesta pola continua falta de persoal nas tendas, que obriga as traballadoras e traballadores a asumir de seguido unha sobrecarga laboral para sacar o traballo adiante, que acaba afectando á súa saúde.
A CIG-Servizos explica que se trata dun problema xeneralizado e amplamente estendido en todas as tendas da comarca e tamén da provincia, con falta de persoal tanto en seccións (carnicería, peixería, froitería, chacinaría) como en tenda.
A empresa tarda meses en substituír o persoal de baixa médica e as persoas de vacacións (ás veces mesmo nin se fan as coberturas), provocando que as tendas "estean sempre faltas de persoal e obrigando ao resto a traballar todo o día coa lingua de fóra, chegando incluso a ver modificadas as súas quendas de descanso e sábado libres sen ningún tipo de antelación", denuncia Xabier Rodríguez.
A CIG, engade, leva tempo observando "como a empresa afonda cada vez máis nas lóxicas escravistas de facer traballar a cada compañeira por dúas, provocando unha sobrecarga que non só é física, senón que tamén redunda nun aumento da carga mental e de atención, ao ter que estar pendente de múltiples tarefas ao mesmo tempo e non poder descoidar ningunha delas".
Mais lonxe de entender o problema como un asunto de carácter preventivo, Gadis vén de informar ao comité que contratou os servizos dunha empresa de “xestión do absentismo” xa que entende que teñen un índice moi elevado de baixas médicas, enfocando a culpa das enfermidades nas persoas traballadoras, "e parecendo non ser capaces de entender que cando sobreexplotas os corpos do persoal durante moito tempo continuado a xente termina rompendo. Con isto, agora ademais da mutua, outro voitre planea sobre as baixas médicas do persoal".
Movemento de postos continuados
Esta escaseza de persoal provoca ademais que as traballadoras e traballadores en activo descoñezan que tarefas van desempeñar cada día, xa que a organización do traballo vese moi comprometida, "facendo que caixeiras acaben servindo en peixería, ou chacineiras cobrando na caixa, o que supón un empeoramento a nivel preventivo dos traballos dentro das tendas". Porque, subliña Rodríguez, o persoal non está formado para atender todas as funcións, pero acaba tendo que facer de todo por orde da empresa.
Por iso, a CIG mobilizarase para visibilizar o problema existente en todas as tendas Gadis e Cash IFa "até que a empresa mude a súa actitude e comece a respectar a saúde das traballadoras e traballadores. Non podemos tolerar a indecente lóxica de Gadis: vivir como galegas/os non é igual a traballar como escravas/os".