A CIG mobilizarase na planta principal de Coren en Ourense en apoio da loita dos falsos/as autónomos/as de Servicarne
A CIG desenvolverá unha concentración de delegados/as sindicais ás portas da planta principal de Coren en Ourense en apoio da loita dos falsos/as autónomos/as de Servicarne dependentes de Frigolouro, empresa do Porriño que pertence ao grupo cooperativo ourensán. A mobilización terá lugar este xoves de 11.00 a 12.00 horas para esixir a readmisión dos traballadores/as despedidos por participar na folga convocada para reclamar unhas condicións laborais dignas.
A concentración, promovida pola FGAMT-CIG, celébrase en solidariedade coa loita do persoal autónomo de Servicarne dependente da compañía porriñesa Frigolouro -que pertence ao grupo cooperativo galego-, que reclaman a readmisión dos cinco compañeiros/as despedidos tras participar na folga convocada para denunciar explotación laboral e demandar unhas condicións de traballo dignas.
Terá lugar diante da sede de Coren na parroquia ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, onde se atopan as oficinas centrais, e participarán delegados/as sindicais das distintas federacións das comarcas de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Dende a central explican que a protesta fai parte da campaña de mobilizacións iniciada no mes de marzo e que até o de agora incluíu varias xornadas de folga, manifestacións, distintas concentracións, denuncias xudicias e xestións institucionais.
Neste senso, lembran que o vindeiro mes de xuño está previsto a celebración dun xuízo tras a denuncia presentada pola CIG no Xulgado do Social contra Frigolouro por cesión ilegal de traballadores/as e fraude ma contratación.
Ao mesmo tempo, a intensa presión exercida polo persoal de Servicarne, que este 1º de Maio mesmo participou cunha faixa propia na manifestación da CIG, fixo que a Inspección de Traballo se decidise finalmente a intervir no conflito laboral para reclamarlle á empresa que aporte documentación sobre a evaluación de riscos relativos aos ritmos de traballo, as xornadas realizadas polo persoal autónomo dende xaneiro e o listado de baixas dende o ano 2014. Unha vez teña todos os datos, a autoridade laboral deberá emitir un informe.