A CIG mobilizarase diante dunha mutua en Vigo para denunciar a fraude á Seguridade Social na atención á silicose
A federación da Construción e Madeira da CIG ten en marcha unha campaña de sensibilización, información e reivindicación sobre a silicose, doenza que padecen centos de traballadores/as do sector da pedra, lousa, áridos e derivados. Este mércores terá lugar en Vigo a primeira das mobilizacións para denunciar a fraude á Seguridade Social que supón que as mutuas non recoñezan esta enfermidade profesional e sexa a Administración pública a que teña que costear a atención aos doentes. Delegados/as e traballadores/as concentraranse de 10:30 a 11:00 diante da mutua MAZ (Camelias, 101) e a continuación marcarán a pé até a delegación da Xunta.
Despois das recentes xornadas de sensibilización organizadas arredor desta enfermidade organizadas pola CIG-Construción no Porriño e no Barco de Valdeorras, a federación bótase á rúa para alertar sobre os graves efectos que provoca sobre a saúde dos traballadores/as expostos ao po de sílice e poñer enriba da mesa que as mutuas non cumpren coas súas obrigas coas persoas afectadas.
Dende a central lembran que a silicose é unha patoloxía crónica que afecta ao aparato respiratorio e que provoca importantes secuelas físicas, podendo mesmo causar a morte, xa que está tras doenzas coma o cancro de pulmón.
Mais as mutuas seguen a negarse a recoñecer que é una consecuencia da actividade profesional, provocada pola inhalación de po sílice, polo que os afectados/as teñen que iniciar longos procesos de reclamacións, incluso xudiciais, para que se recoñezan os seus dereitos.
Maior acción protectora
A CIG leva anos asesorando a moitos/as deles/as e demandando que, no caso de ter 1º grao da enfermidade (o caso menos grave) se recoñeza a incapacidade laboral con prestación. A central logrou que o INSS modificase o criterio en 2015, xa que até o de entón negaba este recoñecemento.
Con todo, o cambio afecta unicamente os traballadores/as que na súa empresa non teñan un posto libre de po, polo que moitas persoas vense na obriga de seguir no sector. Por iso, a CIG continúa a reivindicar a incapacidade con prestación sen excepcións, como sucede no caso do 2º grao. Co 3º grao recoñécese a incapacidade absoluta, polo que a persoa afectada deixa de traballar. En definitiva, o que reclama a CIG é maior acción protectora por parte da Seguridade Social.
Finalmente, no marco desta campaña a central establecerá contactos co Cluster da Pedra, coa Asociación de Empresarios/as da Lousa e coa de Áridos para conformar unha fronte común de loita contra unha problemática que no noso país afecta a máis de 700 traballadores/as. Este é o número de persoas diagnosticadas polo Instituto Nacional de Silicosis nos últimos 10 anos, polo que a cantidade de afectados/as pode ser moito maior xa que non se inclúen as diagnosticadas por outras vías nin as que padecendo a doenza non foron diagnosticadas.
Principais reivindicacións da CIG a respecto da silicose
-Maior axilidade no recoñecemento da doenza e dos graos que correspondan.
-Dotar a Galiza dun centro de referencia sobre a enfermidade, xa que o noso país concentra o maior número de persoas afectadas de todo o Estado español.
- Mellorar a aplicación dos coeficientes redutores da idade de xubilación, e que todas as empresas do sector con presenza de po sílice teñan recoñecidos os coeficientes por decreto lei.
-Incrementar a seguridade e a saúde laboral no sector e ampliar o recoñecemento das enfermidades derivadas da silicose.