A CIG mobilizarase diante da ONCE en Vigo contra a explotación nos centros especiais de emprego
A CIG, no marco da súa campaña contra a precariedade e as novas formas de explotación laboral, pon agora o foco sobre os Centros Especiais de Emprego (CEE), que son utilizados polas empresas para contratar persoal nunhas condicións inferiores ás do resto de traballadores/as. Tal é o caso de Ilunion -un dos 183 CEE que operan no noso país-, pertencente á ONCE e que presta servizos nas principais compañías da automoción. Delegados/as da central concentraranse este xoves día 6 diante da sede da ONCE en Vigo (Gran Vía, 16) ás 12:30 horas para reclamar unhas condicións laborais dignas para estes/as empregados/as e que se lles aplique o convenio da empresa para a que traballan. A mobilización terá lugar ao remate da asemblea de delegados/as que se celebrará horas antes na cidade e no resto de comarcas do país, onde tamén haberá protestas.
A loita contra a precariedade e a explotación laboral, que centra a actividade sindical da CIG ao longo deste ano, pasa tamén por esixir a derrogación das contrarreformas laborais aprobadas por PSOE e PP, que supuxeron un duro ataque ao dereito de negociación colectiva e tiveron consecuencias nefastas para o mercado laboral, xeneralizándose os empregos mal remunerados e de escasa duración e aumentando de xeito alarmante o empobrecemento da clase traballadora.
Fronte a isto, a central aposta pola prevalencia dos convenios sectoriais, provinciais e autonómicos fronte aos estatais ou de empresa, xa que nestes últimos os aumentos salariais son máis febles. Ao mesmo tempo, incide na necesidade de recuperar a Cláusula de Garantía Salarial nos convenios e que os soldos se actualicen segundo o IPC.
No que ten que ver cos CEE, na CIG denuncian que fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as "e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral".
Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con discapacidade son a través de CEE, e que o 80% destes contratos son temporais e están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral para converterse en precariedade subvencionada polas Administracións públicas, que ademais reciben bonificacións e vantaxes fiscais.
Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel dos CEE como facilitadores da integración laboral.
Polo tanto, é necesario trasladar esta situación vergoñenta a toda a clase traballadora e á sociedade en xeral "para que todos/as identifiquemos nos distintos sectores e empresas estas novas formas de explotación laboral, obrigando a que as compañías onde realizan a súa actividade apliquen as condicións laborais do convenio colectivo da empresa cliente". As persoas traballadoras con discapacidade deben ser consideradas polas súas capacidades e non polas súas carencias.
A Xunta de Galiza subvenciona con cartos públicos a estes CEE con axudas para realización de asistencias técnicas, subvencións financeiras e en activos fixos, en función do número depostos de traballo creados. Tamén convoca axudas para o mantemento de postos de traballo con bonificacións por custo salarial ou adaptación de postos de traballo.
Deste xeito, son a propia Xunta e o Goberno central os que financian estas empresas sen esixir unhas condicións de traballo dignas. "O que ten demostrado a crise é que o capital non ten escrúpulos á hora de explotar e os CEE son a punta de lanza da precariedade é da explotación laboral".
Máis de 180 centros en Galiza
Na actualidade operan no noso país un total de 183 CEE. Un deles é Ilunion Servicios Iindustriales Galicia, pertencente á ONCE e que traballa prestando servizos para diferentes empresas da automoción como Citroën, Benteler, Denso ou Lear. Este centro ten máis de 230 traballadores/as, que teñen que asumir cláusulas en materia laboral adicionais ao seu contrato de traballo que a propia Inspección de Traballo considera abusivas por establecer condicións inferiores ás legais. Este CEE ten tamén unha parte do seu cadro de persoal traballando nunha ETT propia, chamada Ilunion Capital Humano, polo que a súa situación de precariedade é aínda maior.
Estas cláusulas abusivas atentan contra o período de proba, a suspensión do contrato de traballo ou a formación dos empregados/as, obrigándolles incluso ao desconto do importe dos cursos que fagan se estes causan baixa un ano antes da obtención do título.
Tamén sofren abusos no que ten que ver coa xornada de traballo, realizando horas extraordinarias (até 30 horas extras semanais) cando o teñen prohibido. Tamén superan o límite máximo diario de horas sen que fora acordado en convenio. Estas irregularidades en materia de tempo de traballo supuxeron o inicio dun expediente sancionador por parte da autoridade laboral.
Por todo isto, e ante a inacción da Administración e o consentimento tanto de Citroën como das compañías do Clúster de Empresas de Automoción de Galiza (Ceaga), delegados/as sindicais da CIG desenvolverán unha concentración diante da sede da ONCE en Vigo a partir das 12:30 horas, ao remate da asemblea que terá lugar no salón de actos dos Capuchinos ás 10:00 horas, para reclamar unhas condicións de traballo dignas para estes/as traballadores/as e que se lles aplique o convenio da empresa na que prestan servizo.