A CIG mobilizarase contra o despedimento represivo do presidente do comité de Carpintería Ramón García

O mércores 18 de xuño, ás 11:30h, coincidindo co acto de conciliación no SAMC da Coruña
A Coruña - 12 Xun 2025

A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro mércores 18 de xuño, ás 11:30h, diante do SMAC da Coruña (Rúa María Victoria Fernández España, 1), coincidindo co acto de conciliación polo despedimento do presidente do comité de Carpintería Ramón García. Con esta protesta, a central quere trasladar todo o seu apoio e solidariedade co compañeiro, reclamar a súa inmediata reincorporación e denunciar as prácticas represivas desta empresa situada en Ordes.

A FCM-CIG advirte que este despedimento constitúe “un grave caso de represión sindical, perpetrado contra un traballador que se destacou pola súa defensa activa dos dereitos laborais do persoal desta empresa”. O compañeiro asumiu a representación da sección sindical da CIG en 2023 e foi elixido presidente do comité tras gañar as eleccións sindicais en 2025.

Desde entón impulsou importantes iniciativas, como a activación do comité de Seguridade e Saúde, a negociación do plan de igualdade e a denuncia da exposición a po de madeira dura, altamente perigoso para a saúde, así como melloras para o conxunto dos compañeiros e compañeiras de taller, obra e oficinas.

“A resposta da dirección foi o despido mediante unha carta de 19 páxinas de acusacións falsas, sen unha soa proba, destinadas a encubrir un claro acto de vinganza contra quen non se deixou mercar nin intimidar pola dirección”, critica a FCM-CIG da Coruña.

A CIG reclama a inmediata readmisión do compañeiro e fai un chamado á solidariedade para denunciar esta inxustiza e defender o dereito á actividade sindical libre e combativa.