A CIG mobilizarase contra a vulneración do dereito de negociación colectiva por parte do Concello de Xinzo
A federación de Administración da CIG vai desenvolver este venres 14 de maio unha concentración diante do Concello de Xinzo de Limia ás 10:00 horas para denunciar que o Goberno local vulnera o dereito de negociación colectiva e o principio de igualdade laboral e non discriminación.
Dende a central sindical explican que o sistema de negociación do Concello, que consiste en chegar a acordos con determinados grupos profesionais, non só viola o dereito á negociación colectiva senón que produce discriminación entre os traballadores/as, “xa que que á minoría lle son outorgados novos dereitos mentres lles son conxelados á maioría”.
A pesar de que intentaron chegar a un entendemento coa actual alcaldesa, non lograron que a rexedora atendese ningunha das súas propostas. “Máis ben ao contrario, decidiu levar ao pleno os orzamentos de 2021 sen aprobación sindical, incluíndo acordos con certos grupos do persoal, malia os reparos da Secretaría Municipal”.
Diante desta “violación” do dereito de negociación colectiva e do principio de igualdade e non discriminación a CIG optou por convocar mobilizacións, a primeira este venres, aínda que as protestas terán continuidade con outras accións “no caso de que o grupo de Goberno non modifique a súa actitude”.