A CIG mobilizarase contra a represión laboral e sindical nos Mercadona de Pontevedra
A CIG-Servizos de Pontevedra desenvolverá unha concentración diante do supermercado de Mercadona en San Mauro este mércores día 8 ás 11:30 horas contra a represión laboral e sindical que se vive nos establecementos da cidade. Dende a central denuncian tamén que a empresa de alimentación centralizar a negociación colectiva para apartar os sindicatos combativos, cuestión que porá en coñecemento da Inspección de Traballo e que levará aos tribunais.
Estes anuncios foron feitos onte en rolda de prensa por Aitor Maquieira, da CIG-Servizos de Pontevedra, e Iván Veiga, secretario comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, que compareceron xunto a un traballador e delegado da central no comité provincial de Mercadona que foi sancionado recentemente pola compañía. Protesta que coincidirá coa celebración dun xuízo tras a denuncia doutra traballadora por vulneración do dereito de liberdade sindical.
Veiga detallou que o afectado -que realiza funcións nas tendas e tamén se encarga da descarga de camións- foi apercibido e sancionado con 16 días sen emprego e soldo por unicamente terse quitado o cinto durante un momento. O responsábel sindical sinala que este tipo de prácticas fan parte do mecanismo represivo instaurado pola empresa coa complicidade de CCOO e UGT para “controlar e coaccionar” o persoal e para desfacerse dos traballadores/as que reivindican os seus dereitos ou que por idade “xa non poden seguir os ritmos de traballo impostos”.
Neste senso, Aitor Maquieira explicou este modelo de “calidade total” na práctica supón lexitimar o control e o abuso que a empresa exerce sobre o cadro de persoal. Baséase na instauración dun “clima de terror” nos centros de traballo mediante un sistema de sancións e apercibimentos non regrados, que son as actas. “Unha acta de Mercadona diferénciase das sancións contempladas no Estatuto dos Traballadores/as porque non ten tipicidade, non caduca e non prescribe, provocando unha situación de indefensión na persoa afectada”.
Outro mecanismo para coaccionar o persoal son as avaliacións individuais: entrevistas que a empresa lle fai os traballadores/as, e que repercuten directamente sobre un concepto salarial denominado prima. “Esta pode ser dunha ou de dúas mensualidades na masa salarial anual, e se suspendes estas entrevistas non cobras a prima. E se colles unha baixa por enfermidade común tampouco”.
Centralizar a negociación colectiva
Ao mesmo tempo, lembrou que Mercadona pon tamén todos os atrancos posíbeis á hora de gozar de dereitos de conciliación, sendo a única empresa que limita o permiso de oito semanas non retribuídas mentres a crianza ten entre un e oito anos. “E cando colles unha baixa pásante polo servizo médico co único obxectivo de esgotarte, con presións para que abandones a empresa no caso de baixas de longa duración”.
Finalmente, anunciaron que levarán á Inspección de Traballo e que recorrerán diante dos tribunais o anuncio que vén de facer a empresa no sentido de que non se vai reunir cos delegados/as do comité de Pontevedra, algo que tamén estendeu aos comités da Coruña, Lugo e Ourense. “Temémonos que vai acontecer en todo o Estado español, nun claro caso de centralizar a negociación colectiva a través do comité intercentros”.
De xeito que non se van poder as problemáticas concretas e vai supoñer que os sindicatos combativos non esteamos representados. “Por iso acudiremos á Inspección de Traballo e aos tribunais para intentar que a empresa se vexa obrigada a dar marcha atrás nunha decisión que impedirá que os representantes lexitimamente elixidos poidan defender os dereitos e as condicións laborais dos seus compañeiros/as”.