A CIG alerta do deterioro do Centro Radio Médico, que presta asistencia sanitaria aos mariñeiros
A CIG-Mar vén de alertar sobre o deterioro do Centro Radio Médico, servizo dependente do Instituto Social da Mariña (ISM) que se encarga de prestar asistencia sanitaria aos mariñeiros da flota pesqueira e mercante. A central denuncia que non se cobren as baixas do persoal, derivándose as chamadas aos buques hospitais, o que ten provocado numerosas incidencias, polo que reclamará unha rectificación do ISM e a cobertura de todas as baixas dos profesionais médicos.
Segundo explica o responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, o deterioro progresivo deste servizo coincide no tempo coa pandemia da covid-19, “precisamente cando é mais necesario ca nunca polos problemas existentes no relevo das tripulacións pola prohibición de viaxar entre países, pola imposibilidade de acceder a porto para recibir asistencia sanitaria básica ou polo alongamento das campañas de permanencia a bordo, entre outras cuestións”.
Neste contexto, o departamento de Acción Social do ISM comunicou o pasado 1 de decembro que non vai contratar persoal para cubrir as baixas do persoal por enfermidade, accidente ou contaxio por coronavirus. En consecuencia, dende mediados de decembro até mediados de xaneiro quedaron sen cubrir máis de 20 gardas de profesionais médicos, coa escusa de que desviarían as chamadas aos buques hospital Esperanza do Mar e Juan de la Cosa. “Dende aquela, a pesar do esforzo do persoal destes buques, o servizo foise deteriorando pola escasa formación e as complicacións na comunicación”.
Aboi cita como exemplo o acontecido o pasado 24 de decembro, cando estando o Centro Radio Médico Pechado un barco galego con feridos a bordo tivo problemas para conectar co buque hospital, o que obrigou a contactar por outras vías con profesionais sanitarios para que atendesen os afectados e os trasladasen a terra pasadas varias horas.
O responsábel sindical asegura que non se trata dun caso illado, “xa que temos constancia que varios barcos tiveron dificultades parecidas; con esta situación, tanto o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións pola súa acción, como a Xunta polo seu silencio, están a poñer en risco as vidas de centos de traballadores do mar”.
Por todo isto, a CIG presentará unha reclamación na executiva do ISM que terá lugar en Madrid este martes 23 instando a rectificar esta decisión e demandando que se cubran todas as baixas dos profesionais médicos, que se habiliten os medios tecnolóxicos necesarios para poder realizar o traballo incluso en condicións de alerta meteorolóxica e que se habiliten canles de diálogo cos profesionais para mellorar o servizo, actualizando os procedementos necesarios para mellorar a asistencia sanitaria no mar”.
Catro décadas de servizo
O responsábel da CIG-Mar lembrou que o Centro Radio Médico púxose en funcionamento en 1979 para intentar paliar o baleiro asistencial que se producía tanto no sector da pesca como na mariña mercante, polo que leva máis de catro décadas prestando cobertura sanitaria aos mariñeiros. Neste tempo atendeu máis de 200.000 chamadas e xestionou máis de 42.000 historiais clínicos.
Dende o seu nacemento contou sempre cun equipo médico permanente que atendía calquera consulta as 24 horas do día todos os días do ano, mantendo ademais contacto con outros centros da xeografía estatal e internacional para xestionar calquera intervención por accidente ou evacuación en calquera parte do mundo.
Aboi agarda que este proceso de deterioro que está a padecer o Centro Radio Médico na actualidade “non sexa o primeiro paso cara a privatización do servizo, como se fixo noutros departamentos da Administración” e pregúntase quen tomou a decisión de non cubrir as baixas e con que criterios se adoptou. “Sospeitamos que se fixo baixo parámetros de aforro económico e non base ao fundamental, que é garantir a asistencia médica?”.
Finalmente, adianta que dependendo da decisión que se adopte tras a intervención da CIG na executiva do ISM a central sindical non descarta trasladar as súas reivindicacións ao respecto até o Congreso dos Deputados/as e até os Parlamentos galego e europeo a través do BNG xa que, segundo sinala, a propia lexislación europea obriga os países con flota marítima a contar cun centro médico de referencia.