A CIG-Mar acusa a Xunta de claudicar ante Madrid a respecto dos coeficientes redutores da idade de xubilación dos mariñeiros
A comisión de Política Social do Consello Galego de Pesca celebrada hoxe en Santiago rematou sen acordo no que respecta á problemática dos coeficientes redutores da idade de xubilación despois de que a o Goberno galego optase por dirixirse ao Instituto Social da Mariña (ISM) para que deixe sen efecto os últimos cambios “a pesar de que isto seguirá a supoñer que uns 90 barcos galegos quedarán fóra dos criterios que permiten adiantar a xubilación dos seus tripulantes”. Dende a CIG-Mar acusan a Xunta de claudicar ante o Goberno central unha vez máis mentres desantende as reivindicacións do propio sector.
Segundo explica o responsábel da CIG-Mar, Xabier Aboi, o Goberno galego continúa sen mudar de posición e non considera necesario introducir cambios substanciais nos criterios que permiten aplicar os coeficientes redutores da idade de xubilación. “Seguen a obcecarse en que hai que manter o acordo anterior -e que foi modificado recentemente por unha circular interna do ISM- e agardar a que a Unión Europea faga pública a nova normativa ao respecto, polo que se dirixirán ao ISM con esta petición”, indica.
Uns 90 barcos afectados
Isto suporá que unhas 90 embarcacións galegas quedarán fóra dos critrerios que permitirían que a súa tripulación adiantase a xubilación, “a pesar de que se trata de conxeladores, polo que estamos diante dunha discriminación flagrante”.
A decisión foi adoptada na xuntanza da comisión de Política Social do Consello Galego de Pesca celebrada hoxe en Santiago, reunión á que non asistiron nin a Federación Galega de Cofradías, nin armadores de Vigo e Riberia nin representantes de CCOO. “Volvemos a comprobar como Xunta agacha de novo o lombo diante de Madrid, desatendendo as reivindicación do sector, que reclama que eses barcos sexan considerados conxeladores polo ISM para que se lles poida aplicar o coeficiente redutor máximo, pois todo o mundo sabe que o son, incluída a Xunta”. Este tema volverá a ser abordado o vindeiro venres na xuntanza que se celebrará na sede do ISM en Madrid a petición da CIG.