A CIG mantén un encontro coa Ministra de Cultura da República Árabe Saharauí Democrática
A CIG mantivo este martes 31 de xaneiro un encontro coa Ministra de Cultura da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), o seu Delegado en Galiza e representantes da Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, no marco de colaboración e solidariedade que a central sindical mantén coa problemática do Sahara.
Dentro do ámbito de colaboración e solidariedade que a CIG ven tendo desde hai tempo co pobo saharauí, na tarde de onte, tivemos un encontro coa Ministra de Cultura da R.A.S.D., o seu Delegado en Galiza, e xente da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, no seu local de Vigo.
A Ministra trasladou á CIG o seu agradecemento polo apoio manifestado na defensa da súa causa. Xunto a isto informou da situación actual do conflito, coa entrada do Reino de Marrocos na Unión de Estados Africanos, do que até o de agora non formaba parte, por condicionar a súa entrada ao non recoñecemento da RASD (cuestión que a maioría de países africanos non aceptaron) e da situación dos 24 activistas saharauís que seguen na cadea en Marrocos agardando un xuízo sen garantías que xa foi suspendido por segunda vez.
Denunciou ademais os constantes incumprimentos, por parte de Marrocos, da suspensión do conflito armado e a súa explotación ilegal dos recursos naturais que pertencen ao Sáhara Occidental. Tamén nos pediu colaboración para algún proxecto concreto que desde o seu ministerio queren poñer en marcha, como un programa de comunicación e coñecemento entre as xeracións máis novas e as máis vellas.
Pola súa parte a CIG reiterou a súa solidariedade e compromiso de colaboración, na mesma liña que o viu facendo até o de agora, e en todas as frontes: cooperando cos recursos ao seu alcance no seu territorio; participando nas mobilizacións que se convoquen; exercendo presións diante das institucións internacionais responsábeis da súa situación (principalmente o goberno español e a ONU), e difundindo a súa loita polo resto do mundo, como así fixo na propia Conferencia da OIT ou, recentemente, no Foro Social Mundial de Montreal, para que se visualice un conflito bastante oculto da actualidade informativa polos medios “oficiais”.
Ademais comprometeuse a seguir demandando unha pronta solución que non pode pasar por outra cousa que non sexa a inmediata celebración do Referendo de Autodeterminación que lle dea ao pobo saharauí o dereito a gobernar o seu futuro como país independente.
A CIG valorou tamén, moi positivamente, o traballo que a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí leva desenvolvido, e apostou por seguir coordinando o traballo, como se fixo até o de agora. Ademais adiantou a posibilidade de participar conxuntamente, no mes de abril, nunha nova misión que se organizará aos campamentos de Tindouf.