A CIG mantén o seu rexeitamento a asinar á proposta de regulación do teletraballo do Ministerio
A Área Pública da CIG vén de manifestar a súa posición en relación coa negociación do grupo de traballo da mesa xeral de negociación das administracións públicas, creado para a regulación do traballo a distancia no EBEP. A central sindical mantén o rexeitamento a asinar a proposta porque a representación da administración do Estado non aceptou trasladar á parte dispositiva do EBEP (art.47 bis) a redacción aportada na última proposta da propia administración que figura na exposición de motivos.
Entre outras cuestións, a Área Pública da CIG defendía que se contemplara que a regulamentación do teletraballo non pode significar unha redución de dereitos das persoas administradas, nin das persoas empregadas públicas. Entende que “a modalidade de traballo en remoto non pode supor para a cidadanía unha brecha dixital coas administracións”, polo que demanda que estea garantida, en todo caso, a atención presencial permanente.
Por iso considera que a lei debe incluír a matización de que a modalidade de teletraballo non será considerada ordinaria, nin absoluta. Isto é, cada administración deberá analizar en cada ámbito e recoller na normativa reguladora, a porcentaxe de servizos que poden desenvolverse a distancia, combinando a presencialidade e o teletraballo.
Impacto de xénero
Advirte ademais que esta modificación no EBEP non pode ser utilizada para “afondar na privatización de servizos públicos” nin formularse como unha medida de conciliación, polo que “non pode substituír as medidas específicas de conciliación da vida laboral e familiar”.
De feito, a central sindical parte da necesidade de que se faga unha avaliación do impacto de xénero e que se inclúan medidas de perspectiva de xénero que garantan a “non feminización desta modalidade de traballo”.
Voluntario e con dereito a desconexión
Para a central sindical tamén é necesario que se inclúa expresamente que o traballo a distancia ten quer “voluntario e reversible” e que non debe comprender a totalidade do horario laboral. Isto xunto co recoñecemento do dereito á desconexión dixital, subliñándose que “en ningún caso a administración poderá exixir a realización de tarefas nin recepción de documentación fóra do horario laboral”.
Debe ser ademais, a administración, que facilite, instale e manteña os equipos, aplicacións e conexións asumindo o custo de pór á súa disposición un espazo na vivenda da persoa traballadora e a adquisición de mobiliario.
Inviolabilidade do domicilio
A Área Pública da CIG demanda tamén que os dispositivos facilitados garantan a inviolabilidade do domicilio, “quedando expresamente prohibidos o uso de videocámaras, micrófonos ou programas de control, seguimento e monitorización do traballo”.
En todo caso, as administración teñen que estar obrigadas a proporcionar formación previa e continua ás traballadoras nas competencias dixitais necesarias para a prestación do traballo remoto; ten que garantirse o cumprimento das medidas de prevención, con avaliación dos espazos e lugares nos que se vai desenvolver a actividade.
Canles de comunicación
Xunto a estas cuestión, a CIG defende o establecemento de canles de comunicación e participación coa representación do persoal, facilitando a administración sistemas de comunicación instantánea, así como medidas de control e seguimento específico desta actividade.
A administración debe estar obrigada ademais a contratar un seguro que cubra as posibles incidencias no relativo á lei de protección de datos.