A CIG rexeita os recortes nas prestacións asistenciais e por desemprego
O Goberno do Partido Popular pretende unificar as axudas de carácter asistencial (PAE, RAI e PREPARA). A xestión das devanditas prestacións asistenciais ten sido declarada competencia das comunidades autónomas por parte do Tribunal Constitucional. O Goberno no seu afán centralizador pretende aplicar o artigo 155 ás persoas desempregados galegas, non fai efectiva a sentenza unificándoas e integrándoas na seguridade social. Todo isto para que as comunidades autónomas onde o PP non goberna non teñan capacidade de aumentar a taxa de cobertura do paro tanto en número de traballadores/as que a perciben como na súa contía.
Desde a CIG vimos reclamando a necesidade de abordar a modificación de todo o sistema de protección de desemprego, non só o asistencial, un sistema que viu recortadas as contías das prestacións e endurecidos os requisitos de acceso a estas. E que con esta nova reforma novamente o PP vai recortar o tempo de dereito ao subsidio de desemprego aos traballadores/as que precisan máis protección por parte da administración. Así mesmo, entendemos de vital importancia que sexan transferidas a Galiza as competencias nesta materia.
Durante os últimos anos vimos denunciando a continua deterioración do sistema de protección social das persoas traballadoras que están en situación de desemprego.
Diminución da cobertura por desemprego
Estamos a ver como mes a mes a taxa de cobertura de desemprego vai diminuíndo até situarse preto do 50%, é dicir, case a metade das persoas que están desempregadas non teñen acceso a ningún tipo de prestación, á vez que das que teñen acceso, a metade téñeno a prestacións non contributivas, é dicir, a ridículos subsidios que non garanten a mais mínima oportunidade de cubrir as necesidades mais básicas da persoa. Na Galiza hai máis de 188.000 desempregados/as, dos que 93.000 non cobran ningún tipo de percepción económica.
O PP, neste momento onde o PIB medra ao 3% e onde as cotizacións por desemprego no ano 2017 teñen 2.300 millóns de superávit, acomete unha vez máis outra reforma para empobrecer a clase traballadora.
Diante desta situación a CIG vén propondo a adopción das seguintes medidas en canto ao conxunto do sistema de protección no desemprego:
En primeiro lugar dúas cuestións de carácter xeral:
1º A contía do SMI debe ser a que o fixa a Carta Social Europea como asumiu o Estado español e debe corresponderse polo tanto co 60% do salario medio galego, o cal debería de ser de 857€ en 14 pagas.
2º Que as contías das prestacións se calculen sempre en relación ao SMI (Salario Mínimo Interprofesional na contía que propomos no punto anterior) e non ao IPREM (Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples), como se vén facendo na actualidade, mecanismo de cálculo deseñado para seguir precarizando o pobo. Eliminación do IPREM para estes efectos.
Hai que lembrar que no ano 2018 o SMI é 735,9 euros/mes, que debería ser –segundo a Carta Social Europea e segundo reivindicamos– 857€ mentres que o IPREM está situado en 537,84 euros/mes.
3º Derrogación das reformas das prestacións por desemprego do PP recuperando as prestacións e subsidios por desemprego, nos termos anteriores á reforma de 2012. É dicir:
- Manter as contías das prestacións por desemprego no 70% da media da base de cotización dos últimos 180 días durante os 6 primeiros meses e o 60% desa media no resto do período de cobro, período de cobro que non se debe limitar a 24 meses.
- Recuperar o subsidio de maiores de 52 anos (agora 55).
- Restabelecer o subsidio para maiores de 45 anos (agora chamado por esgotamento das prestación contributiva).
- Eliminar o endurecemento dos requisitos para acceder á percepción dos subsidios en canto a que integrantes da unidade de convivencia son tidos en conta para realizar o cómputo de ingresos e que tipo de ingresos se contabilizan.
Ademais, todas estas medidas deberían implementarse con medidas de cobertura universal, como a renda de inserción laboral para persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica.