A CIG manifesta o seu rexeitamento ao golpismo no Brasil e traslada a súa solidariedade co presidente Lula
Diante da gravísima situación creada no Brasil no día de onte co asalto violento ao Palacio de Planalto, sede do Goberno e do Congreso do país, e á sede do Tribunal Supremo, por parte de seguidores/as de Bolsonaro, a CIG rexeita estas prácticas golpistas dunha minoría que non acepta os resultados das eleccións e pretende violentar o estado de dereito e a democracia.
Denunciamos tamén a connivencia que con estes acontecementos veñen mostrando as forzas militares e da orde pública que, no canto de defender a legalidade e o respecto polas institución que representan a soberanía popular, acompañaron e favoreceron as manifestacións e irrupcións que se levaron a cabo, do mesmo xeito que permaneceron impasíbeis diante das ameazas e chamadas ao golpismo que xa se viñan facendo desde hai dous meses.
Agardamos que estes feitos non queden impunes e que se esixan responsabilidades, tanto para quen os realizou, como para quen os provocou. Apoiamos as últimas decisións tomadas polo Presidente Lula, co decreto de intervención federal no Distrito Federal, así como o chamamento que os movementos sindicais e populares fan para hoxe, segunda feira, para manifestarse na defensa da democracia, das institucións e da soberanía popular, en todo o Brasil, así como ao acto político que convocan para o vindeiro día 11 en Brasilia.
Contra o golpismo e o fascismo, e na defensa da democracia, desde a Galiza, todo o apoio da Confederación Intersindical Galega ao pobo do Brasil.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023.