A CIG manifesta o seu apoio ás xustas demandas do pobo indíxena de Ecuador
O que comezou no Ecuador sendo unha protesta só polos elevados prezos dos combustíbeis, foise transformando nunha gran mobilización social, encabezada polas poboacións indíxenas, á que foron sumándose distintos colectivos de traballadores e traballadoras e movementos estudantís, en demanda de medidas que melloren as malas condicións de vida da maioría da poboación, resumidas en 10 puntos:
- Redución e conxelación dos prezos dos combustíbeis
- Moratoria de, cando menos un ano, para máis de 4 millóns de familias endebedadas coa banca privada, e redución das taxas de interese.
- Prezos xustos nos produtos do campo.
- Emprego e dereitos laborais e sindicais.
- Moratoria á ampliación da fronteira extractiva mineira/petroleira, auditoría e reparación integral polos impactos socioambientais.
- Respecto aos 21 dereitos colectivos: Educación Intercultural Bilingüe, xustiza indíxena, consulta previa, libre e informada, organización e autodeterminación dos pobos indíxenas.
- Non á privatización dos sectores estratéxicos.
- Políticas de control de prezos e a especulación no mercado dos produtos de primeira necesidade.
- Melloras en Saúde e Educación para toda a poboación.
- Seguridade, protección e xeración de políticas públicas efectivas para frear a onda de violencia, sicariato, delincuencia, narcotráfico, secuestro e crime organizado.
Na defensa destas xustas e razoábeis peticións, hoxe cúmprese xa o 10º día de paro nacional, con máis de 5000 campesiños/as e indíxenas marchando sobre a capital, Quito, encabezadas pola Confederación de Nacionalidades Indíxenas do Ecuador (CONAIE), e con obreiros/as e estudantes sumándose ás mobilizacións.
Diante destas lexítimas demandas, o Goberno neoliberal de Guillermo Lasso vén respondendo cunha tremenda represión policial e militar, con violencia, detencións e atentados contra os principais líderes das protestas, violación reiterada dos dereitos humanos, e decretando o estado de excepción. Represión que xa se cobrou a vida de dous campesiños e centos de persoas feridas (e incluíndo a irrupción e “ocupación” pola forza de centros de acollida, centros universitarios ou centros sociais, como a Casa da Cultura).
Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG), condenamos estes actos represivos, pedimos o pronunciamento inmediato da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDDHH), trasladamos toda a nosa solidariedade ao pobo de Ecuador e ás súas clases populares, e sumámonos ao último pronunciamento que a CONAIE vén de facer e no que, logo de reiterar a súa vontade de diálogo, esixen:
- cese inmediato das acción de represión e criminalización.
- que de derrogue o estado de excepción e se dean garantías de non impor novos decretos no marco do actual paro nacional.
- cesamento dos ataques e respecto aos centros e zonas de resgardo humanitario.
- que todas as demandas sexan postas enriba da mesa de negociación, sen puntos previos “inviábeis” para o Goberno, e cun espírito na liña de facer esforzos para atender ao clamor cidadá.
- que as diferentes asociacións do país e institucións Internacionais de Dereitos Humanos garantan un verdadeiro proceso de diálogo entre a representación dos colectivos e o Goberno de Ecuador.
Desde a CIG esiximos ao Goberno de Lasso que escoite estas xustas demandas e agardamos que, ao igual que está a pasar noutros países de América Latina, se dea o necesario cambio político, tamén no Ecuador, que faga posíbel a posta en marcha de políticas sociais e de estrito cumprimento dos dereitos laborais e civís.
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG
Santiago de Compostela, a 23 de xuño de 2022