A CIG manifesta o seu apoio ao referendo convocado para o 1 de outubro en Catalunya
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o responsábel de Internacional, Xosé Lois Rivera, participarán nun encontro sindical convocado pola CSC-Intersindical e a IAC así como nos actos e mobilizacións previstas para esta fin de semana en Barcelona arredor da Diada e en apoio ao referendo convocado en Catalunya para o vindeiro día 1 de outubro. Ademais asinará un manifesto a través do que diversas organizacións sindicais se comprometen a apoiar o proceso catalán.
Paulo Carril explica que a CIG apoia o proceso soberanista catalán porque xa foi dinamizadora e promotora, xunto con outras organizacións, da plataforma ‘Galiza con Catalunya’ e no seu último congreso, celebrado os pasados días 27 e 28 de maio, aprobou resolucións de apoio ao proceso catalán.
Lembra ademais que a CIG, como sindicato nacionalista e de clase ten como principio irrenunciábel “a consecución da soberanía nacional para construír un sistema máis xusto e solidario onde Galiza e as outras nacións do mundo poida vivir en paz e harmonía” e subliña que o dereito de autodeterminación dos pobos está recoñecido por Nacións Unidas desde 1945, “non é unha concesión do Estado e non está sometido á lei do imperio, é un dereito democrático”.
Por iso, afirma, “nós facemos nosa esta loita” e, en representación da central sindical, subscribirá a declaración de apoio á celebración do referendo que está previsto que se presente en Barcelona este sábado. “Aquí o que está en xogo é o dereito de autodeterminación e o dereito a decidir libremente”, sinala Carril, para quen tamén é “unha oportunidade que se abre para as nacións do Estado e da clase traballadora por unha mellora das súas condicións de traballo e de vida”.
O secretario xeral da CIG e o responsábel de Internacional participarán ademais na marcha dos fachos pola independencia, que percorrerá as rúas de Barcelona o día 10, ás 23:00 horas, e na manifestación que con motivo da Diada está convocada para a tarde do día 11 de setembro.