A CIG manifesta a súa solidariedade cos sindicatos arxentinos e denuncia a criminalización da lexítima protesta
A CIG denuncia as medidas autoritarias e represivas do novo Goberno ultraconservador Milei-Macri, da República Arxentina, e a súa estratexia de criminalización da protesta. O Goberno ultraconservador que asumiu o pasado día 10 de decembro, que viña a rematar coa 'casta', xa deixa claro que ese era un simple slogan electoralista.
Mentres estataliza a débeda comercial das empresas (precisamente a 'casta') por un valor de 30.000 millóns de dólares, ou privatiza grandes empresas estratéxicas, aplica medidas de recortes contra as clases populares, despide a miles de traballadores/as de servizos públicos tan importantes como o ensino ou a sanidade, e pasa a pagar salarios en cotas.
O Plano de Axuste Fiscal e Cambiario anunciado por este Goberno, que acelerará o proceso inflacionario que xa viña sufrindo a Arxentina e afectará drasticamente aos salarios da clase traballadora, formal ou informal, persoas autónomas e pensionistas, provocou a lóxica e inmediata reacción social, co anuncio de mobilizacións, e unha primeira convocatoria para este día 20 de decembro.
Diante disto, e acompañada de declaracións claramente ameazantes de representantes políticos de Milei dicindo que estas mobilizacións “ían lograr sangue”, a ministra de Seguridade, Patricia Bullrich (a candidata de Macri) anuncia un 'Protocolo para o mantemento da orde pública ante o corte de vías de circulación'. Unha medida que, segundo as súas propias palabras, pretende “garantir a orde pública fronte os cortes, piquetes e bloqueos que impiden aos arxentinos vivir en paz».
Bullrich xa vén precedida dun gran historial represivo durante a súa etapa no mesmo ministerio con Mauricio Macri, con varios episodios escuros, como a desaparición e asasinato de Santiago Maldonado, o asasinato do líder mapuche Rafael Nahuel, ou todas as medidas represivas contra os movementos sindicais e sociais (tamén foi ministra de Traballo), polo que non sorprende este novo anuncio.
Este protocolo restrinxe e vulnera dereitos constitucionais e resulta incompatíbel coas normas internacionais do traballo e as recomendacións da OIT. Entre outras atribucións, autoriza a intervención das forzas policiais sen mediar orde xudicial, crear un rexistro de organizacións que reclaman o espazo público, identificar e até incautar vehículos que trasladen persoas para manifestarse, identificar “autores, cómplices ou instigadores” mediante filmacións ou outros medios, demandar xudicialmente a organizacións e persoas responsábeis de convocatorias, e identificar a persoas estranxeiras e enviar os seus datos á Dirección Nacional de Migracións.
O que se pretende, en definitiva, é instalar a represión como disciplina social. Criminalizar a protesta e separala do seu ámbito xurisdicional, o sociolaboral, para trasladala ao ámbito penal. Trata de condicionarse,a priori, o exercicio da protesta social e autorizar o uso indiscriminado da forza polos corpos represivos.
A CIG quere trasladar toda a súa solidariedade coas principais organizacións sindicais arxentinas, que o pasado día 18 de decembro solicitaron a intervención urxente do director xeral da OIT e a remisión de información diante da Comisión de Expertos, en aplicación de Convenios e Recomendacións. A CIG apoiará estas demandas, tanto dentro da propia OIT, como en todos os foros Internacionais nos que participa.
En Compostela, a 19 de decembro de 2023.