A CIG manifesta a súa solidariedade coas vítimas da DINA en Valencia e do furacán Óscar en Cuba

Apoia a manifestación promovida pola Intersindical Valenciana, xunto con organizacións cívicas, sociais e sindicais, para exixir a dimisión de Mazón
Internacional - 06 Nov 2024

A CIG manifesta a súa solidariedade co pobo valenciano tras da tráxica DINA que tan graves consecuencias tivo para as vidas humanas. Traslada ademais o seu apoio ás máis de vinte organizacións sociais, cívicas e sindicais que convocan, para o vindeiro 9 de novembro, unha manifestación promovida pola Intersindical Valenciana, sob o lema “Mazón dimisión”, para reclamar a depuración de responsabilidades pola mala xestión da catástrofe, que afectou gravemente a varias comarcas do País Valenciano.

Xunto a elas quere amosar o seu pésame e solidariedade coas familias e persoas achegadas das vítimas mortais e as afectadas. E súmase á súa denuncia de que o goberno valenciano, co presidente Mazón á fronte e como máximo responsable, “demostrou unha grave falta de capacidade e eficiencia para xestionar calquera tipo de crise”, cunha resposta con máis de 12 horas de atraso, o que provocou en parte unha gran desgraza ante esta catástrofe meteorolóxica.

Denúnciase tamén a responsabilidade do conselleiro de Educación, que mantivo abertos os centros educativos das zonas afectadas cando xa nalgúns lugares se cortaba a luz, poñendo en risco a integridade do alumnado e do profesorado.

As entidades convocantes critican, canda isto, a resposta daquelas empresas que obrigaron aos seus traballadores e traballadoras a continuar coas actividades laborais a pesar dos riscos de seguridade. Denuncian o desmantelamento da Unidade de Emerxencias Valenciana (UVE), así como a negativa a admitir o colapso do teléfono de emerxencias 112 durante a DANA, e posteriormente do teléfono de asistencia ás familias de persoas desaparecidas.

Co lema "Mazón, dimisión", as entidades organizadoras, que convidan ao resto a sumarse, alzarán a voz para denunciar a inacción do Goberno valenciano, e facer escoitar as súas reivindicacións por un País Valenciano máis xusto, seguro e preparado para afrontar os retos sociais e climáticos actuais. As organizacións piden solucións eficaces que aborden as causas e o contexto destes desastres.

Apoio económico

A Executiva Confederal da CIG acordou ademais destinar unha contía económica que será xestionada pola Intersindical Valenciana que puxo en marcha esta vía de solidariedade para axudar ás persoas afectadas pola DINA.

Do mesmo xeito, a central sindical vén de acordar destinar outra partida en solidariedade coa poboación cubana de Guantánamo polas consecuencias do furacán Óscar, que provou a perda de vidas humanas e afectou a vivendas, colleitas de café, plátano e outros produtos agrícolas, destruíu infraestruturas, instalacións produtivas e equipamentos médicos e escolares.