A CIG manifesta a súa solidariedade coas vítimas da DINA e apoia a mobilización convocada en Valencia en demanda de responsabilidades políticas

Organizacións cívicas, sociais e sindicais, entre ela a promotora, a Intersindical Valenciana, exixirán, o día 9 de novembro, a dimisión de Mazón
Internacional - 08 Nov 2024

A CIG manifesta a súa solidariedade co pobo valenciano tras da tráxica DINA que tan graves consecuencias tivo para as vidas humanas. Traslada ademais o seu apoio ás máis de vinte organizacións sociais, cívicas e sindicais que convocan, para o vindeiro 9 de novembro, unha manifestación promovida pola Intersindical Valenciana, sob o lema “Mazón dimisión”, para reclamar a depuración de responsabilidades pola mala xestión da catástrofe, que afectou gravemente a varias comarcas do País Valenciano.

Xunto a elas quere amosar o seu pésame e solidariedade coas familias e persoas achegadas das vítimas mortais e as afectadas. E súmase á súa denuncia de que o goberno valenciano, co presidente Mazón á fronte e como máximo responsable, “demostrou unha grave falta de capacidade e eficiencia para xestionar calquera tipo de crise”, cunha resposta con máis de 12 horas de atraso, o que provocou en parte unha gran desgraza ante esta catástrofe meteorolóxica.

Denúnciase tamén a responsabilidade do conselleiro de Educación, que mantivo abertos os centros educativos das zonas afectadas cando xa nalgúns lugares se cortaba a luz, poñendo en risco a integridade do alumnado e do profesorado.

As entidades convocantes critican, canda isto, a resposta daquelas empresas que obrigaron aos seus traballadores e traballadoras a continuar coas actividades laborais a pesar dos riscos de seguridade. Denuncian o desmantelamento da Unidade de Emerxencias Valenciana (UVE), así como a negativa a admitir o colapso do teléfono de emerxencias 112 durante a DANA, e posteriormente do teléfono de asistencia ás familias de persoas desaparecidas.

Co lema "Mazón, dimisión", as entidades organizadoras, que convidan ao resto a sumarse, alzarán a voz para denunciar a inacción do Goberno valenciano, e facer escoitar as súas reivindicacións por un País Valenciano máis xusto, seguro e preparado para afrontar os retos sociais e climáticos actuais. As organizacións piden solucións eficaces que aborden as causas e o contexto destes desastres.