A CIG solidarízase coas 450 familias ás que pretenden desaloxar do Campamento Quilombo Campo Grande
A CIG quere manifestar s súa solidariedade coas preto de 450 familias que poden ser desaloxadas do Campamento Quilombo Campo Grande, a cooperativa de café máis grande do estado brasileiro de Minas Gerais. A decisión foi adoptada durante a audiencia que tivo lugar o pasado 7 de novembro, na que o xuíz Walter Zwicker Esbaille Junior deu un prazo de sete días para desmontar a ocupación, que remata hoxe mesmo.
A orde xudicial afecta a 450 familias Sen Terra que dende o ano 1998 moran no enxeño Ariadnópolis, en Campo do Meio, no estado de Minas Gerais. O latifundio, que entón pertencía á Companhia Agropecuaria Irmãos Azevedo (CAPIA), que acumula unha débeda de 80 millóns de dólares, quebrara e cesará a súa actividade dous anos antes da ocupación.
Con esta decisión xudicial serán destruídas 1.200 hectáreas de cultivos de millo, faba, iuca e cabaza, 40 hectáreas de horta agroecolóxica e 520 hectáreas de café.
Ademais, centos de casas, cortellos y quilómetros de balados serán derribados. Esa orde destruirá todo o que estas persoas construíron en dúas décadas de traballo.
Decisión xudicial arbitraria
Segundo os avogados que defenden as familias, a decisión é arbitraria e atenta contra principios constitucionais, ao non recoñecer valores de dignidade humana. A audiencia desenvolveuse de maneira atípica, xa que houbo restricións á entrada da representación das familias acampadas e impedimentos á entrada de autoridades que se desprazaron para acompañar a audiencia. Durante a condución da mesma, o xuíz solicitou a presenza da tropa de choque dentro da sala.
Os representantes do latifundio, xunto coa alcaldía local, propuxeron aloxar as familias nun pavillón deportivo. Finalmente, o xuíz nin sequera leu a sentenza e tan só informou a présa da súa decisión.
20 anos de transformación e resistencia
Nestes 20 anos de ocupación do enxeño, as 4.000 hectáreas nas que predominaba o monocultivo de caña de azucre gañaron vida e hoxe xeran traballo e ingresos para máis de 2.000 persoas.
Quilombo Campo Grande, como foi bautizado o campamento, concentra na actualidade unha das maiores cooperativas de café do estado, a Guaii, na que se producen 510 toneladas de grao por ano, que dan unha media de 8.500 sacos de café. Asemade, recóllense 55.000 sacos de millo e 8.000 de fabas, no mesmo lugar, que comparte espazo con 40 hectáreas de horta, nas que se cultivan verduras e legumes para a xente acampada e para comunidades locais. No campamento tamén están plantadas 60.000 árbores froiteiras e 60.000 nativos.
Ao longo dos anos, as familias construíron as súas casas sen apoio dos poderes públicos, organizáronse e trataron as terras que producen e resisten, nun territorio considerado polo estado como “patrimonio de sociedade en liquidación”. Agora, toda esta transformación estase a ver ameazada por unha acción xudicial que adoita poñerse máis ao servizo de intereses alleos á poboación e de xeito claramente inxusto. A pesar dos acordos asinados polas familias e o propio Estado para saldar a débeda e o compromiso de expropiación, os/as accionistas e terratenentes da rexión non aceptaron o acordo e levárono á xustiza, con este resultado provisional.
O Movemento de Traballadores/as Rurais Sen Terra está apelando esta decisión arbitraria e inxusta e reafirmándose na súa disposición a seguir na loita e resistir a esta nova embestida do vello enxeño.
Preocupación pola nova situación política no Brasil
Dende a CIG vese con grande preocupación a nova situación política que se está a dar no Brasil coa vitoria electoral de Jair Bolsonaro e as súas teses fascistas, e así se corrobora polos episodios que xa se están a producir no país de represión contra o sindicalismo, a esquerda, a prensa opositora, e calquera tipo de movemento crítico contra o novo presidente e quen o apoia. Así o teñen trasladado á CIG os compañeiros e compañeiras das organización coas que a central ten relación e que están sendo xa reprimidos ou ameazados/as.
Este é pois un capítulo máis desta alarmante traxectoria do Brasil cara políticas neoliberais e fascistas e afastándose cada vez máis da verdadeira democracia.
Por iso manifestamos o noso poio a estas familias e trasladamos a petición de xustiza para elas a través dun escrito dirixido pola CIG ao presidente do Tribunal de Justiça de Minas Gerais, o xuíz Nelson Missias de Morais. Agardamos que se faga xustiza.