A CIG manifesta a súa solidariedade coa poboación e os mestres e mestras de Oaxaca
Nos últimos dous días a represión da policía na cidade de Oaxaca causou a morte de, cando menos 13 persoas e 25 desaparecidos/as, que segundo as testemuñas da poboación foran detidos/as previamente pola policía Federal. A CIG amosa a súa solidariedade con esta loita, reclama a dimisión dos responsábeis políticos desta represión sanguinaria e o regreso, con vida, das persoas desaparecidas.
A orde da intervención policial partiu directamente do Goberno Federal, logo de que centos de persoas en diferentes localidades da cidade de Oaxaca estiveran mobilizándose durante varios días contra a Lei da Reforma Educativa de Peña Nieto aprobada no 2013.
O martes trasladábase información desde a poboación de Nochixtlan segundo a que se a policía intentaba tomar os Hospitais, impedindo que se trataran de urxencia ás ducias de feridos entre a poboación civil. Tamén se reportaban documentos gráficos e testemuñas nas que se observa a entrada da policía nas vivendas, armados e lanzando botes de gases lacrimóxenos previamente.
A reforma educativa de Peña Nieto, que provocou o despedimento de miles de mestres nestes anos, impón unha avaliación obrigatoria dun sistema educativo oficialista e contraria aos intereses populares.
Resposta institucional da UE
Estes feitos especialmente graves de represión criminal dos Gobernantes Mexicanos contra a poboación civil, merece unha resposta institucional da Unión Europea que seguramente gardará un cómplice e vergoñento silencio, que tamén se observa no tratamento informativo maioritario ofrecido polos medios de comunicación.
Desde a CIG mostramos a nosa solidariedade con esta loita, reclamamos a dimisión dos responsables políticos desta represión sanguinaria e o regreso con vida dos e das desaparecidas.