A CIG loitará por recuperar dereitos para avanzar e mobilizarase na defensa do emprego e da industria
A CIG manterá a mobilización en demanda da derrogación das reformas, pola recuperación de dereitos sociais, laborais e nacionais e fronte a grave situación de desmantelamento industrial que enfronta o noso país. Así o anunciou o secretario xeral, Paulo Carril, na asemblea nacional de delegadas e delegados, que avaliou as liñas de acción sindical para os vindeiros meses, tras conmemorar os seus 25 anos de existencia. Un encontro ao que seguiu unha manifestación que rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e da industria na Galiza”.
Na súa intervención, o secretario xeral sinalou como reto colectivo “consolidar e ampliar a maioría sindical, tendo en conta que o poder económico vai recruar a súa ofensiva para que non sigamos a avanzar e que as alternativas que defendemos non saian adiante”. Incidiu en que a maioría sindical “non se gaña dunha vez para sempre” e que será unha maioría “fráxil” en relación co poder do capital “canto máis tardemos en consolidar este avance no plano organizativo e ideolóxico, no labor de convencer a máis sectores da clase traballadora facendo valer o noso modelo sindical”.
Mais tamén subliñou que o importante “non é ser un sindicato con grande número de afiliación e de representación”, senón que “a chave está en ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase e reivindicativo na defensa dos intereses da clase traballadora”.
Piares fundamentais
Para iso apuntou como piares fundamentais o asemblearismo, a participación, a combatividade e a construción de organización para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade co obxectivo de acumular máis forzas para avanzar na construción de poder sindical porque “onde hai sindicato hai melloras reais nas condicións laborais e de vida”.
Apelou a unha acción sindical individual e colectiva “atrevida e coherente” e a aproveitar ao máximo as fortalezas do modelo sindical da CIG para actuar en defensa da clase traballadora, nomeadamente “onde aínda non haxa organización sindical, onde os abusos laborais son maiores, onde a individualización das relacións laborais é total, onde hai máis discriminacións”.
Crise industrial
Denunciou a grave crise industrial que padece Galiza e que coincide coa ameaza dunha recesión económica que“no noso país pode converterse nunha nova crise cando aínda non saímos da anterior”.
Unha crise que provocou un empobrecemento xeneralizado, consecuencia das reformas laborais, sociais e das pensións; un medre na destrución de emprego, nomeadamente no sector industrial; a extensión da pobreza laboral e dos baixos salarios, con novas formas de explotación laboral, como as ETT, os Centros Especiais de Emprego, a legalización dos falsos/as autónomos/as e as cadeas de subcontratación infinitas; a crecente centralización e os constantes impedimentos ao noso dereito a negociar as condicións de traballo en Galiza, xa que a reforma laboral afondou na estatalización das relacións laborais e na cronificación da precariedade, como resultado do sindicalismo pactista de UGT e CCOO.
Lembrou que, segundo o Indicador do Risco de Pobreza, un 48% da poboación galega móvese entre risco de pobreza, estar na pobreza ou caer na pobreza extrema; que desde 2009 hai 50.000 persoas menos traballando na industria ou que o 71% da ocupación está no sector servizos, “paradigma da precariedade máis salvaxe”.
Descarbonización
Responsabilizou desta situación ás políticas neoliberais dos Gobernos español e galego, nun momento de extremada financeirización da economía, dunha maior concentración do capital en grandes consorcios e conglomerados financeiros. Todo isto acompañado da implantación das novas tecnoloxías, a chamada robotización e da descarbonización.
A este respecto denunciou que se nos impón en Galiza “un nivel de esixencia tan alto de redución das emisións de CO2 como se fósemos unha sociedade soberana e industrializada do nivel de Alemaña ou Francia, cando en verdade somos vítimas dun tecido económico e industrial deseñado polo grande capital español e internacional, resultado de anos de industria de enclave, que non pecha os ciclos produtivos no propio país, altamente contaminantes, e que está ao servizo do espolio das nosas materias primas”.
Un proceso do que dixo que “non podemos saír unha vez máis sendo as únicas/os en asumir os custos desta reconversión mentres a nosa capacidade de produción de enerxía segue ao servizo das grandes eléctricas e do desenvolvemento industrial e da xeración de emprego fóra de Galiza”.
“É o mundo ao revés”, afirmou, “agora as grandes eléctricas vólvense ecoloxistas, non asumen ningunha responsabilidade social do dano causado nin están dispostas a ceder a súa posición de oligopolio que acumula cada día máis ganancias”.
Fronte a isto considerou que “a verdadeira transición ecolóxica, para que sexa tal e sexa xusta, ten que pasar porque se nos recoñeza o dereito e a decidir sobre os nosos recursos e sobre o noso desenvolvemento económico e social” e por poder ter “unha tarifa eléctrica galega que cree emprego e industria”.
O Goberno Feixoo, bufón da corte madrileña
Por iso considerou “patético” o papel de “bufón da corte madrileña” do presidente da Xunta “mentres Galiza vai de mal en peor, precisamente por afondar nas políticas de dependencia de Madrid”.
Denunciou que o Goberno de Feixoo está “descaradamente” ao servizo dos fondos de investimento e do sistema español consagrado na Constitución de 1978 e no Estatuto de Autonomía de 1981 que “negan os noso dereitos nacionais e o dereito a decidir, que nos somete a ter un papel periférico no económico, a ser unha colonia dentro do Estado español”.
Neste contexto, cualificou de “lamentábel” o papel de UGT e CCOO, “máis preocupados por falar e pactar co PP, no marco do diálogo social, que en acudir aos chamados que desde hai un ano fai a CIG para dar unha resposta conxunta a esta grave situación cun calendario de mobilizacións que mesmo chegase a unha folga xeral en Galiza na defensa do emprego e da industria”.
Carril subliñou que “seguimos sen unha tarifa industrial estábel e xusta que non poña en risco os postos de traballo”; cando temos unha regulación da xubilación parcial, da xornada de traballo ou do SMI “discriminatoria e insuficiente” ou cando non se derrogou a Lei Mordaza ou o artigo 315.3 do Código Penal o que provoca “máis multas para as mobilizacións laborais, cando non sentenzas de condena como a do compañeiro Pintos, mantendo así a criminalización do movemento social e sindical”.
Por iso advertiu que neste panorama albíscase un continuismo da axenda neoliberal; só tímidos cambios nas reformas laborais, sociais e das pensións e continuidade do desprezo para Galiza “por moito que o próximo goberno se pinte de vermello ou mesmo de morado”.
Tomar a iniciativa diante da emerxencia nacional e social
Nun momento coma este, o secretario xeral considerou que “temos a responsabilidade e a obriga de tomar novas iniciativas, ante a situación de emerxencia nacional e social” que vive Galiza, avanzou Carril antes de dar conta do calendario de protestas que se iniciou coa manifestación que se desenvolveu ao remate da asemblea e que terá continuidade con mobilizacións comarcais a finais de xaneiro e no 8 e 10 de marzo co mesmo lema: “Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e a industria na Galiza”.
Carril apostou por trasladar a todos os centros de traballo, “convencidos/as de que os dereitos non se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social; os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización, porque é a loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”.
Feminismo como prioridade para a central sindical
Foi a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen salientou o papel do feminismo de clase, presente desde a fundación da central sindical, como “chave nas reivindicacións a prol dos dereitos das mulleres”. Un discurso que chamou a recuperar e incorporalo con forza á loita porque “é precisamente agora cando estamos nun momento doce para a militancia feminista, cando o movemento goza de máis apoio e participación, cando parece máis esvaído dunha corte revolucionaria e obreira”.
Corral alertou do interese do “capitalismo colonizador” por un discurso “homoxeneizado, light e superficial” e da súa apropiación de datas revolucionarias, que “se quedan co aparencial, comercializando e convertendo en consumismo os nosos símbolos”.
No mesmo sentido advertiu tamén de cómo a nivel político, a dereita desenvolveu unha liña de acción dirixida á creación de asociacións de mulleres rurais, asociacións de amas de casa, asociacións antiabortistas ou profamilia subvencionadas con cartos públicos. Mais tamén advertiu da esquerda española, que propiciou a creación de plataformas políticas estatais “cunha estratexia claramente globalizadora, e cun discurso claramente institucionalizado, centralista, antinacionalista e mesmo antisindical”.
Alertou de que so pretexto da unión “pretenden agochar e invisibilizar a diversidade do feminismo no país e o poder de convocatoria que ten o feminismo de clase na Galiza” e como exemplo puxo a polémica e o veto do uso das estreleiras, das bandeiras da CIG ou mesmo de cando se fai uso de ferramentas revolucionarias e obreiras como é a folga “facendo un uso propagandístico das súas demandas e non un instrumento de combate e de confronto co poder. Pretenden varrernos do mapa co seu discurso uniformizador”.
Fuxir de convocatorias que pretenden ritualizar o feminismo
Por iso Corral explicou que as mulleres da CIG foxen de convocatorias que pretenden ritualizar o feminismo, que reducen a loita a unha data festiva e carente de discurso crítico contra a patronal, os gobernos, o capitalismo e o patriarcado. A este respecto lembrou que a CIG convocou dúas folgas xerais de mulleres en Galiza, no marco do paro internacional “conscientes de que é o instrumento do que dispoñemos as mulleres da clase traballadora para obtermos melloras nas nosas condicións de vida”.
A secretaria das mulleres da CIG advertiu que ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto cos poderes económicos mais chamou a “organizar e promover feminismo entre a nosa propia clase, denunciando en común a crueldade da opresión machista e identificando as súas raíces históricas”, porque a alternativa feminista, para Corral, “debe ser de clase e anticapitalista”.
Margarida Corral apuntou que a tarefa das mulleres sindicalistas “é desenmascarar un sistema que se perpetúa a través de xerar divisións”, denunciou que malia as folgas xerais dos dous últimos 8 de marzo non mudou nada e reafirmou a exixencia dun cambio real que poña fin “á violencia institucional que nos discrimina, nos precariza, nos escraviza e nos asasina”.
Por iso concluíu facendo unha chamada a intensificar “a nosa capacidade mobilizadora” para que o poder “entenda que non imos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos”.
Recuperar salarios e loitar contra a precariedade
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, foi o encargado de presentar as propostas que defenderá a CIG na negociación colectiva para o ano 2020 e que se centrarán na recuperación salarial e na loita contra a precariedade e a pobreza salarial que segue medrando á vista dos datos publicados onte por Facenda, segundo os que 313.000 persoas asalariadas en Galiza, un 30% do total, teñen ingresos inferiores ao SMI, das que máis da metade son mulleres.
Entre outras sinalou o establecemento de cláusulas de control en convenios sectoriais de condicións salariais e laborais nas plataformas dixitais e propuxo ademais acordar un posicionamento sindical ante a nova realidade que supón o teletraballo ou cláusulas para a desconexión dixital.
Foi moi crítico coas novas formas de explotación laboral e nomeadamente coas condicións que sofren as traballadoras e traballadores dos Centros Especiais de Emprego para os que defendeu a aplicación do convenio de sector. Ademais, propuxo establecer cláusulas das taxas de reserva do 2% para traballadoras/es con discapacidade, para a súa integración e garantías laborais nas empresas habituais.
Xunto a isto propuxo establecer cláusulas para o rexistro de xornada; cláusulas sobre licenzas e a aplicación das sentenzas, atendendo ao criterio de que o permiso non se extingue coa alta hospitalaria e que debe ser desde o primeiro día laboral.
Tamén defendeu a necesidade de introducir cláusulas de control das empresas multiservizos e, respecto do SMI, afirmou que non se pode negociar a absorción de ningún complemento e deben introducirse cláusulas para que as categorías mínimas estean un 10% por riba dese SMI.