A CIG logra unha terceira paga extra para o persoal do SAF do Concello de Covelo
A CIG vén de lograr a creación dunha terceira paga extraordinaria para todo o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Covelo, o que suporá un incremento salarial do 7%. A representación sindical e a empresa concesionaria, Atendo Calidade, asinarán mañá no AGA un acordo que supón un recoñecemento á necesidade de mellorar as condicións laborais dun sector esencial de coidados “maltratado e abandonado” pola Administración.
Un ano despois de asinar en Boiro a creación dunha terceira paga extra denominada '8 de Marzo', a CIG volve introducir esta mellora laboral, nesta ocasión no SAF do Concello de Covelo, onde obtivo representación por primeira vez en novembro de 2020.
Deste xeito, a representación da CIG e a empresa Atendo Calidade, actual adxudicataria do servizo, asinan este venres no AGA un acordo polo que se recoñece a consolidación dunha terceira paga extra para todo o persoal por importe dunha mensualidade, o que supón un incremento salarial do 7%, “en recoñecemento á necesidade de mellorar un sector esencial de coidados maltratado e abandonado pola Administración”.
Despois de varias xuntanzas entre a representación sindical e a dirección da empresa, das que foi informado o Concello, as partes recoñecen a necesidade de poñer en valor o traballo de axuda no fogar e dotalo do correspondente recoñecemento social.
Tamén coinciden en que é necesario reformular a prestación do servizo e incorporar innovacións organizativas e de coidado que axuden e favorezan as necesidades das persoas usuarias e das traballadoras, así como implementar as innovacións tecnolóxicas e as accións formativas necesarias para acadar ese obxectivo.
Dende a CIG denuncian que a Xunta é a principal responsábel da situación na que se atopa este sector, así como das condicións de precariedade no que milleiros de mulleres están prestando os servizos de axuda no fogar.
Atención deficiente
Neste senso, lembran que o Goberno galego ten todas as competencias nun servizo cuxa xestión deriva aos Concellos “ao miserento prezo de 9,70 euros/hora, sendo sabedores de que non se pode dar un servizo cunha mínima calidade por debaixo dos 16 euros/hora”. Critican que a política da Xunta afoga as Administracións locais, “que xeralmente manteñen o servizo en mans de empresas que son meras ETT ou xestoras de horas ás que pouco lles importa o cometido da súa contrata, que non é outro que a atención básica necesaria para a vida das persoas maiores e dependentes.
A Xunta é responsábel da situación destes servizos e da precariedade dos seus cadros de persoal
Por iso censuran que o desleixo da Xunta fai que milleiros de persoas dependentes galegas reciban unha atención moi deficiente, con situacións de auténtico abandono, tamén en tempos de covid. En consecuencia, as traballadoras que os atenden viven frustradas cunhas condicións de traballo que non alcanzan para manter a familia, xa que o 85% das traballadoras de axuda no fogar traballan de xeito parcial con contratos que varían mensualmente.
A metade destas traballadoras non chegan aos 700 euros mensuais, e ademais teñen que poñer os seus coches a disposición da empresa para os desprazamentos. “Por non falar de que apenas contan con formación e apoio para atender as necesidades das persoas usuarias, polo que á súa propia saúde esta sendo maltratada sen axudas técnicas ou psicosociais para afrontar o seu traballo”.
Dende a CIG lembran que a Secretaría das Mulleres leva dende o ano 2019 denunciando a situación do traballo de coidados, mellorando co traballo sindical alá onde a central sindical ten representación, como aconteceu cos acordos da Cañiza, Boiro ou Vedra e afrontando conflitos en Ourense, Chantada, Forcarei ou Silleda.
No ano 2020, xa en plena crise da covid, a CIG puxo en marcha a campaña para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. No marco deste iniciativa a central sindical demandoulle ao Consello Galego de Relacións Laborais a necesidade urxente de reactivar a negociación do convenio galego de axuda a domicilio, que permanece suspendida dende o ano 2011 despois de que a patronal se disolvese coa intención de deixar o sector sen convenio.