A CIG logra un acordo "histórico" coa UDC de suba salarial para todo o persoal ao que se lle negaba este dereito
A CIG-Ensino vén de asinar coa Universidade da Coruña (UDC) un acordo "histórico” de suba salarial dende 2022 para todo o persoal ao que se lle negaba esta dereito. O pacto, que beneficia a centos de persoas, evita a vía xudicial do conflito colectivo presentado pola central sindical e recoñece as subas retributivas do persoal de investigación, equiparado deste xeito co PDI funcionario e laboral.
Segundo explican dende a federación de Ensino, a nivel inmediato supón unha suba mínima do 7% na nómina de outubro, que poderá chegar ao 9 ou 9,5% cando se aplique o incremento xeral para o persoal das administracións públicas correspondentes ao ano 2024. Ademais, en xuño terá lugar unha negociación para fixar os prazos para o pagamento dos atrasos derivados dos anos 2022 e 2023, que suman un 7%.
Tras varias reunións nos últimos meses, cos conseguintes aprazamentos do xuízo polo conflito colectivo promovido pola CIG-Ensino contra a UDC, ambas partes chegaron o pasado 16 de maio a un acordo que se rexistrou o día 23 no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, nun acto de conciliación que remata coa discriminación salarial que sofre o persoal do Capítulo VI (contratos de investigación, proxectos e programas, entre eles o persoal contratado posdoutoral).
O resultado é o recoñecemento do dereito á suba salarial anual, recollida nos orzamentos xerais do Estado, que perciben todas as empregadas/os públicas/os. Este dereito non se recoñece en ningunha universidade galega, motivo polo que a CIG-Ensino promoveu tres demandas contra a UDC, a USC e a UVigo. No caso destas dúas últimas universidades houbo que chegar a xuízo e terá que ser o Tribunal Supremo quen fixe xurisprudencia definitiva. No caso da UDC, o novo equipo reitoral amosou receptividade desde a súa toma de posesión ás propostas trasladadas dende o sindicato maioritario. A proposta final do acordo satisfai a ambas partes e implica un esforzo económico importante para a institución que levará a un feito histórico: todo o persoal da UDC verase afectado polas subas salariais anuais.
Suba en outubro e pago de atrasos
O acordo implica que todo o persoal a quen non se lle subiu o salario conforme ás subas xerais do 2022 e 2023 terá un aumento mínimo do 7% directo e consolidábel na súa nómina de outubro. A este contía haberá que engadirlle un 2% a maiores en canto o Goberno autorice o pago do 2% comprometido para o ano 2024 e que está sen efectuar ao prorrogárense os orzamentos xerais do 2023. Por tanto, cando a UDC faga efectiva a suba do 2% de 2024 terá que facelo xa para todo o persoal, tamén para o vinculado ao Capítulo VI, chegando a suba ao 9%.
Para facer fronte ao pago dos atrasos desde 2022, xa que a demanda da CIG-Ensino permitía retrotraer o dereito aos atrasos ao comezo dese ano, o sindicato negociará coa UDC un calendario de pagos que garante recuperar todos os atrasos desde xaneiro de 2022. A negociación para fixar ese calendario e fixar os prazos para facer efectivos os pagos terá lugar no mes de xuño de 2024.
Os catro puntos do acordo
-Recoñécese por parte da UDC o dereito de todo o persoal vinculado ao Capítulo VI a percibir as subas salariais nas mesmas condicións que o conxunto do persoal funcionario ou laboral do Capítulo I.
-Comprométese a actualización das retribución de todo o persoal afectado polo presente acordo coa aplicación da suba correspondente desde xaneiro de 2022 con efectos da nómina de outubro de 2024 e de aquí en diante.
-Recoñecese o dereito a percibir como atrasos os incrementos retributivos correspondentes aos anos 2022 e 2023.
-Apróbase negociar un calendario para a materialización dos pagamentos dos atrasos mencionados no punto anterior, co compromiso de pechar o calendario dos pagamentos antes de finalizar o mes de xuño de 2024.
-A UDC achegará toda a información detallada sobre a aplicación do presente acordo, tanto na actualización das nóminas como no pagamento dos atrasos.
O incremento podería ser superior
Dende a CIG-Ensino amosan a súa satisfacción por un acordo que tamén foi posíbel grazas á boa disposición da UDC, mais insisten en que “a suba podería e debería ser superior, tanto para quen agora a conseguirá, como para o conxunto do persoal funcionario e laboral fixo da universidade”. E lembran que así sería se na negociación do acordo estatal de suba salarial, asinado no 2022 tan só por CCOO e UGT, o Goberno central tivese aceptado a proposta da CIG, consistente en incorporar unha cláusula de revisión salarial que igualase os incrementos retributivos anuais co IPC.
Deste xeito, esa suba do 7% sería dun 8,8%, que é o que subiron oficialmente os prezos entre o ano 2022 e 2023. A evolución do IPC neste ano xa permite concluír que se perderá poder adquisitivo polo acordo sindical estatal 2022-24, xa que a suba do 2% no alcanzará a suba dos prezos ao se prever que o IPC remate o ano por riba do 3%.
En que consiste o aumento de soldos do acordo?
No ano 2022 os salarios subiron para o conxunto de empregadas e empregados públicos un 3,5%, con efectos desde xaneiro (o IPC interanual dese ano foi do 5,7%).
No ano 2023 os salarios subiron novamente un 3,5% (o IPC quedou no 3,1%).
Deses dous incrementos anteriores derívase a suba do 7% a pagar no mes de outubro.
No ano 2024 está previsto que os salarios suban un 2% (que poderá ser un 0,5% máis en función de como sexa o PIB a finais de ano). Terá que facerse efectiva a todo o persoal da UDC sen distinción. De aí que a suba para quen até agora non tiña recoñecido este dereito será do 9%.
Haberá unha negociación en xuño de 2024 para fixar un calendario de pagos e facer fronte á suba do 3,5% do 2022 e do 3,5% do 2023 entre os meses de xaneiro de 2022 e setembro de 2024.