A CIG logra que o TSXG anule a suspensión do contrato do persoal das escolas infantís durante as vacacións
O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de gañar o conflito colectivo presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para reclamar a nulidade da cláusula mediante a que se suspendía o contrato do persoal substituto das escolas infantís da rede pública durante os períodos vacacionais nos que os centros permanecen pechados.
Segundo explican dende a CIG-Autonómica, nas escolas infantís de cero a tres anos a Administración galega “castigaba o persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, no que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano”.
De xeito que a xeneralización desta cláusula “inxusta” nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado. Esta cláusula establecía o seguinte que as vacacións anuais serán proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio. Mais en calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores/as, durante o período de peche das escolas o contrato será suspendido, “ficando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante ese tempo”.
Agora, o TSXG condena o Consorcio ao entender que a cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución da persoa traballadora con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares, “é nula por opoñerse a normas de dereito necesario”.
En consecuencia, ditamina que as persoas traballadoras afectadas pola aplicación desta cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacións e festas escolares das escolas infantís, “sempre que ese réxime sexa o que se lle aplicaría á persoa traballadora substituída”.