A CIG logra que o Concello de Tomiño incorpore as demandas do persoal do SAF

O Goberno local está a elaborar os novos pregos de condicións para licitar o servizo durante un ano e estudará modelos de xestión alternativos
Tomiño - 01 Xul 2026

O Concello de Tomiño comprometeuse coas delegadas sindicais da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a incorporar as demandas do cadro de persoal aos novos pregos de condicións do concurso para licitar o servizo durante un ano, cunha prórroga doutro ano por cuestións de garantías xurídicas ao tratase dun servizo esencial que non pode suspenderse. O compromiso foilles trasladado o pasado venres na xuntanza celebrada o pasado venres coa alcaldesa e co concelleiro de Servizos Sociais no marco da campaña posta en marcha polas persoas traballadoras do SAF reclamando melloras laborais e un modelo de xestión distinto á privatización.

A Administración local, que xa traballaba nuns pregos que corrixían as eivas dos anteriores, terá en conta ademais todas as achegas sindicais, tanto no prego técnico como no administrativo. De feito, algunhas cuestións xa se están a incorporar, como a duración do propio contrato, xa que a pretensión municipal era que fose maior. 

A problemática dos SAF é consecuencia dun financiamento insuficiente e dun modelo de xestión ineficiente que é responsabilidade da Administración autonómica

Tamén se porá en marcha unha mesa de traballo para buscar sistemas alternativos de xestión do servizo, comezando pola celebración dunhas xornadas de debate sobre os modelos de xestión dos SAF para analizar os retos e as alternativas existentes máis alá da privatización. A intención da CIG é participar neste encontro e poder propoñer persoas especialistas na materia “para afondar na idea de que a privatización non é o camiño, xa que fomenta a precarización e a explotación laboral e afecta negativamente a calidade dos coidados”. Ao remate desta iniciativa o Concello elaborará unha valoración técnica das conclusións da mesa de traballo.

A CIG-Servizos valora moi positivamente os compromisos adquiridos polo Goberno local, xa que atenden as principais reclamacións do cadro de persoal, expresadas na campaña informativa iniciada hai un mes coa difusión das súas demandas mediante a distribución de máis de 7500 folletos e máis de 600 cartaces. Ademais, as persoas traballadoras do SAF tomiñés desenvolveron unha mobilización nun acto do Partido Popular na localidade para esixir da Xunta quer asuma as súas competencias e achegue os recursos suficientes para garantir a prestación dun servizo de calidade.

Neste senso, dende a central sindical lembran que a problemática dos SAF é consecuencia dun financiamento insuficiente e dun modelo de xestión ineficiente que é responsabilidade da Administración autonómica, polo que amosan o seu total rexeitamento ao rogo que o PP trasladará ao pleno municipal instando ao Concello o abrir un proceso de negociación coa empresa para que atende as reclamacións laborais do persoal e que estas sexan incorporadas aos pregos de condicións do servizo. Ao tempo que insisten en reivindicar a necesidade de constituír un servizo galego de coidados, público e de calidade.

"Iniciativa carroñeira"

“Parécenos unha iniciativa carroñeira coa que unicamente se pretende utilizar as persoas traballadoras do SAF de Tomiño con intereses partidistas, cando o que teñen que asumir é que se trata dun sistema de coidados público competencia da Xunta e que o modelo privatizador a través dos Concellos está detrás da situación que padecen unhas persoas traballadoras que non son, como sostén o PP, ‘asistentas del hogar’. Trátase de persoal especialista, con formación e dotado de coñecementos técnicos para o coidado das persoas dependentes, para prestarlles a axuda que precisan para ter calidade de vida e para acompañalas no final da súa vida”.

En consecuencia, anuncian que un grupo de persoas traballadoras do SAF de Tomiño acudirán á sesión plenaria “para lembrarlles aos concelleiros/as do PP que o SAF é un servizo público, que as competencias son da Xunta e que rexeitamos o acordo miserento pactado na FEGAMP polo PSOE e o PP que fixa o custo da hora de servizo en 16 euros para este ano, 17 para o que vén e 18 para 2028, unhas cantidades que promoven a precarización laboral, xa que o custo mínimo real sitúase nos 27 euros a hora”.