A CIG-Industria logra que a patronal do siderometal ourensán retire a ampliación da xornada aos sábados
A presión exercida pola CIG-Industria de Ourense logrou que a patronal do siderometal retirase da mesa negociadora do convenio colectivo provincial a súa proposta de ampliar a xornada laboral aos sábados. Delegados/as da central no sector mobilizáronse onte coincidindo cunha nova xuntanza entre a representación sindical e o empresariado, cuxa última proposta será analizada este mércores nunha asemblea aberta de traballadores/es convocada pola CIG.
Dende a CIG-Industria de Ourense explican que a proposta achegada pola patronal do sector na reunión celebrada onte contempla un ano de vixencia do convenio, cunha suba salarial do 3% e cunha redución da xornada anual de oito horas para este ano, mentres que para o próximo volveríase ás 1784.
Diante disto, na central sindical consideran que o acordo “está moi lonxe” porque 2021 pechou cun IPC do 6,5%, de xeito que suporía unha importante perda de poder adquisitivo.
Por iso convoca a todos/as os traballadores/as do sector a unha asemblea aberta que terá lugar no salón de actos da casa sindical este mércores 23 de marzo ás 20:00 horas “para analizar a proposta da patronal e marcar unha folla de ruta para mobilizar o sector co obxectivo de lograr un incremento de soldos digno”.