A CIG logra que a concesionaria do SAF moañés retire descolgue de convenio que suporía perda salarial
A CIG logrou que a concesionaria do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) do Concello de Moaña teña que desistir da súa intención de aplicar un descolgue de convenio que suporía unha importante perda salarial para as traballadoras. A empresa pretendía non actualizar os soldos deste ano en base ao IPC de 2022, pero finalmente terá que facelo unha vez que a mediación do AGA lle deu a razón á central sindical no sentido de que as supostas causas económicas que esgrimía a compañía non están xustificadas.
Dende a CIG-Servizos de Vigo explican que a empresa Protección Geriátrica anunciou a finais do ano pasado a súa intención de aplicar un descolgue de convenio por causas económicas para non aplicar o incremento do IPC de 2022 sobre as táboas salariais de 2023, tal e como figura no convenio.
A central sindical amosouse contraria a esta decisión dende o primeiro momento ao entender que as causas económicas non estaban xustificadas, “xa que o centro de traballo de Moaña non daba perdas no momento de presentar o descolgue, e esta medida non se pode aplicar en base a previsións de futuro, previsións que ademais non se axustaban aos datos económicos reais do contrato”, segundo indica Pedro Pérez, da Executiva da CIG-Servizos. Neste senso, o responsábel sindical lembra que as empresas teñen que asumir certos riscos nos contratos públicos “no momento en que asumen unhas condicións pactadas no prego do concurso”.
En consecuencia, o período de consultas do descolgue rematou sen acordo, polo que a compañía solicitou a mediación do AGA. “Foi entón cando demostramos que non existían as causas económicas que esgrimía a empresa para xustificar a súa decisión, polo que tivo que renunciar ao descolgue”. Despois disto acordáronse as actualizacións das táboas salariais que Protección Geriátrica ten que aplicar: un incremento do 5,7% en 2023 a partir da nómina de abril, ao tempo que se regularon os atrasos de xaneiro, febreiro e marzo de xeito que se abonarán de xeito prorrateado en maio, xuño e xullo.
Sector precarizado
Pola súa banda, a presidenta do comité de empresa, Julia Rodríguez, da CIG, valorou moi positivamente un acordo que foi posíbel “porque demostramos que as pretensións da empresa non estaban xustificadas” e que permite manter o poder adquisitivo do cadro de persoal. “Non podemos esquecer que se trata dun sector altamente feminizado e cuns niveis de precariedade laboral moi elevados”, sinalou.
Finalmente, dende a representación sindical da CIG na empresa agardan que nas próximas licitacións do servizo do SAF, que na actualidade se atopa prorrogado, o Concello de Moaña teña a “suficiente sensibilidade” coas persoas traballadoras e usuarias e introduza cláusulas que garantan unha mellora das condicións laborais e da prestación do servizo.