A CIG logra o único delegado de persoal que se escollía na empresa ourensá Apersa
A CIG fíxose co único delegado de persoal que se escollía na empresa ourensá Apersa, concesionario oficial de Audi e Volkswagen, a pesar da represión sindical exercida pola dirección. A central presentou unha denuncia por coaccións diante da Inspección de Traballo.
A federación de Industria da CIG de Ourense foi a forza máis votada no proceso de eleccións sindicais que se vén de celebrar en Apersa ao sumar 12 votos fronte aos 8 colleitados pola UGT, polo que dende a central agradécenlle aos traballadores/as o seu apoio e a confianza depositada na candidatura da CIG.
Ao mesmo tempo, censuran as manobras da dirección para conseguir que o cadro de persoal optase pola candidatura do sindicato estatal, até o punto de que a xefa de postos de venda e o propio xerente instaron os traballadores/as a votar por esa opción en detrimento da CIG.
Diante disto, a federación de Industria presentou unha denuncia por coaccións diante da Inspección de Traballo, ademais de anunciar que seguirán a denunciar todos os casos de represión sindical que se produzan na empresa.