A CIG logra 2 representantes no comité da empresa que xestiona as ITV ourensás
A federación de Industria da CIG de Ourense logrou dos representantes no comité de SyC/Applus+, empresa que xestiona as estacións da Inspección Técnica de Vehículos (ITV), nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar.
A centra sindical foi a opción maioritaria no colexio de especialistas a primeira vez que se escollía comité de empresa, acadando 29 votos dos 38 emitidos, mentres que a UGT sumou nove apoios, polo que por só dous votos conseguiu un delegado/a.
Entre o persoal técnico e administrativo escollíanse dous representantes, que foron para a UGT. A CIG non presentou candidatura neste colexio, xa que a empresa presionou para promover a candidatura do sindicato estatal. Con todo, as dúas persoas candidatas da UGT contabilizaron en total só 12 votos, mentres que nove foron en branco.
Dende a federación de Industria de Ourense agradecen o apoio por parte do cadro de persoal de SyC/Applus+ e a confianza depositada no proxecto que representa a CIG e adiantan que a súa representación sindical na empresa defenderá os dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as.