A CIG faise con catro dos cinco delegados/as que se escollían na empresa Imerys Kiln Furniture da Guarda

É a primeira vez que a central obtén representación na compañía, unha das maiores do Baixo Miño
A Guarda - 01 Dec 2020

A CIG vén de gañar con maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas na transnacional francesa Imerys Kiln Furniture España (coñecida no Baixo Miño como As Cachadas), con sede na Guarda e dedicada á fabricación de materiais refractarios. A central obtivo 4 dos 5 delegados/as que se escollían no comité de empresa, sendo a primeira ocasión na que obtén representación nunha das maiores compañías da comarca.

No proceso que tivo lugar onte a CIG sumou 29 votos (69,05%) dos 42 emitidos no colexio de especialistas, que se traducen en 3 delegados/as. Mentres que CCOO logrou 13 apoios (30,95%) e 1 delegado/a.

A CIG tamén conseguiu o representante que se escollía entre o persoal técnico e administrativo grazas aos 9 votos colleitados (69,23%) dos 13 que se contabilizaron. Pola súa banda, CCOO sumou 3 apoios (23,07%).

Dende 1808

Dende a Unión Local do Baixo Miño valoran o feito de que é a primeira vez que a CIG logra representación nunha empresa que leva exercendo a súa actividade dende o ano 1808, sendo durante moito tempo a compañía con maior cadro de persoal da comarca. Na actualidade traballan nela un total de 59 persoas.

Pola súa banda, a representación sindical da CIG en IKF agradece a confianza e o apoio recibido por parte do cadro de persoal e adianta a súa vontade de loitar na defensa dos dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as da empresa.