A CIG logra abrir unha canle de comunicación coa administración para analizar o futuro do sector dos biocarburantes
Representantes das CIG-Industria mantiveron a pasada semana unha reunión co subdirector xeral de Hidrocarburos (dependente do Ministerio de Industria) para recoller información e trasladarlle as preocupacións da central sindical polo futuro do sector do biodiésel, diante das modificacións normativas que se están a elaborar a nivel europeo sobre o levantamento dos aranceis e sobre restricións no uso da materia prima.
Dende a CIG-Industria valoraron positivamente a xuntanza, sobre todo "porque se logra abrir unha canle de comunicación directa coa administración para avaliar de xeito continuado como evoluciona a normativa do sector, como afrontar o futuro deste e que medidas se adoptan por parte do ministerio".
Levantamento dos aranceis
No tocante á retirada dos aranceis ao biodiésel procedente de Indonesia (as peaxes ao produto arxentino xa foron levantadas o pasado ano), dende o Goberno español non facilitaron demasiada información, á espera da nova regulación que se acorde en Bruxelas que debería evitar a competencia desleal co biodiésel producido en Europa.
O subdirector do departamento de Hidrocarburos verificou que se vai retirar a normativa antidumping por recomendación da Organización Mundial do Comercio, pero amosouse máis preocupado polas restrición normativas na utilización da materia prima que entra en colisión co mercado de alimentación, como é o caso do aceite de palma.
Esta materia é coa que se traballa na planta que Masol Ibeira ten en Ferrol e, segundo os datos do Goberno, no Estado español utilízase en máis do 80% da produción de biodiésel. Dende a administración explicaron que todo apunta a que a normativa europea limitará de maneira progresiva no tempo o uso de aceites de primeira xeración -entre os que se atopa o de palma- de cara a facilitar a adaptación das plantas.
Neste senso, explica Alberte Amado, da CIG-Industria, a propia Masol Iberia Biofuel confirmoulle á representación social que, aínda que o levantamento dos aranceis sexa inmediato, de momento a compañía -filial da multinacional indonesia Musim Mas- non introducirá biodiésel do país asiático porque a produción que realizan consúmese na súa totalidade nos mercados locais.
Avanzar nos biocombustíbeis de segunda xeración
Ante os cambios que se aveciñan dende Europa encamiñados a limitar os biocombustíbeis de primeira xeración en detrimento dos de segunda, a CIG formuloulle ao Goberno español a necesidade de apostar pola transición paulatina e coordinada (tendo en conta que non se pode eliminar de golpe o biodiésel de palma) ao uso doutras materias primas, alén do aceite de palma sostíbel, avanzando na produción de biocombustíbeis de segunda xeración. "É aí, engade Amado, onde a administración debe intervir pondo en marcha liñas de axudas para innovación e desenvolvemento e para facilitar as readaptacións necesarias nas plantas".
A este respecto, nunha rolda de contactos previa, a CIG xa tivo unha xuntanza con membros do Instituto Enerxético de Galiza (INEGA) dende onde se avaliou a posibilidade, entre outras, de promover axudas de I+D+I destinadas á investigación de produtos de segunda xeración.
Restricións no diésel
No encontro, a CIG tamén se referiu ao imposto sobre o diésel que está a preparar o Goberno e que podería repercutir en restricións sobre o uso dos biocombustíbeis, "a non ser que se aposte por incentivar as políticas de consumo de biodiésel sobre o gasóleo aumentando as porcentaxes do biodiésel no diésel fósil".
Así mesmo, no marco da denominada enerxía verde, a central sindical reclama que se diversifique o uso dos biocombustíbeis máis alá do sector do transporte.
Finalmente, na xuntanza de Madrid abordouse a impasse administrativo que supón o cambio de departamento da Subdirección Xeral de Hidrocarburos, que sairá do organigrama do Ministerio de Industria para pasar a depender do Ministerio de Transición Ecolóxica.