A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas a pasada semana no comité provincial de Oysho (grupo Inditex) ao lograr as cinco representantes que se elixían. Con este resultado, a central nacionalista incrementa a súa presenza neste comité en dúas delegadas, xa que até o momento contaba con tres representantes mentres que a UGT tiña dúas, e reforza a súa presenza no grupo multinacional téxtil.
Estas son as primeiras eleccións sindicais que se realizan nunha cadea do grupo Inditex da provincia tras as masivas mobilizacións no sector contra a negociación e asinamento do regresivo convenio ARTE en Madrid. Este resultado reflicte o apoio maioritario das traballadoras á acción sindical da CIG e a confianza do persoal na central nacionalista para tentar impedir o impacto negativo do novo marco regulador estatal.
Neste senso, a CIG seguirá defendendo os dereitos conquistados polo persoal e reclamándolle á patronal provincial que sente negociar a actualización do convenio de comercio vario da Coruña; e demandándolle á patronal galega que se abra a negociar un convenio sectorial en Galiza ou, cando menos, un acordo interprofesional que garanta a prioridade aplicativa dos convenios provinciais.