A CIG logra a maioría absoluta no comité provincial de Mercadona na Coruña
A CIG foi a central sindical máis votada nas eleccións celebradas onte, mércores 28, nos centros de traballo de Mercadona na provincia da Coruña, logrando 11 representantes dun comité formado por 21 persoas. A sección sindical cualifica este resultado de "histórico" nesta empresa, xa que xunto cos de Euskadi, será o único comité de todo o Estado español no que CCOO e UGT non teñan a maioría.
"Esta é unha vitoria de todas as traballadoras e os traballadores de Mercadona da provincia da Coruña que queren cambiar o modelo de relacións laborais e a maneira de facer sindicalismo nesta empresa, para que por fin haxa acción sindical de verdade", valoran. Tras as votacións, a CIG pasa de ter 5 membros no comité a ser a primeira forza, e iso a pesar das presións exercidas pola empresa para evitar que a central nacionalista aumentara a súa representatividade.
Os resultados das votacións son os que seguen:
|
CIG |
UGT |
CCOO |
C. Especialistas |
11 |
5 |
3 |
C. Técnicos |
- |
1 |
1 |
TOTAL |
11 |
6 |
4 |
O apoio á candidatura da CIG -que só presentou no colexio de especialistas- situouse no 60%, rexistrándose unha elevadísima participación de traballadoras/es nas eleccións, a pesar da empresa, nun cambio de estratexia con respecto A procesos anteriores, facer campaña promovendo a non participación.
Eleccións en pleno proceso de negociación do convenio
Para a sección sindical da CIG este resultado avala o traballo realizado nos últimos anos, "feito con honestidade e sempre antepondo a defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores a calquera outro interese". Neste senso, apuntan que estas eleccións tamén son unha resposta ao papel que xoga a representación de CCOO e UGT nesta empresa, "que funcionan máis como un apéndice do departamento de recursos humanos que como un órgano de defensa do persoal".
O resultado avala a acción sindical realizada nos últimos anos, feita con honestidade e sempre antepondo a defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores a calquera outro interese"
Este resultado é especialmente relevante tendo en conta que as eleccións se producen en pleno proceso de negociación do convenio colectivo e cando UGT e CCOO xa anunciaron a súa sinatura vendéndoo como un gran avance. "Pero estamos ante un convenio baleiro, practicamente igual ao anterior, no que só se fai unha actualización para adecualo á lexislación vixente, e no que, ademais, estas centrais asumen incrementos salariais por debaixo dos que xa aplica a compañía", denuncian.
Neste senso, critican que Mercadona utiliza a ambos os sindicatos como un recurso co que facer propaganda gratuíta das bondades deste novo convenio no que non se consegue ningunha mellora real nos dereitos sociais ou salariais. "En Mercadona os salarios son máis elevados que no resto do sector, pero porque así o decide a empresa, non porque se teñan conseguido melloras a través da negociación colectiva", afirman.
Agradecemento ao persoal
Dende a sección sindical agradecen a todas as traballadora e traballadores a confianza depositada na candidatura da CIG. "Termos a maioría no comité supón unha grande responsabilidade, que asumimos con ganas de traballar e tendo presente que nesta empresa quedan moitísimas cousas por facer".