A CIG logra a maioría absoluta nas eleccións en Nervión na ría de Ferrol
A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este martes entre os traballadores e traballadoras de Nervión que operan nos estaleiros da ría de Ferrol. A central nacionalista conseguiu 182 votos e 9 representantes, fronte aos 72 votos e 3 delegados/as de CCOO.
Cómpre destacar a elevadísima participación nestas eleccións (nas que só se votou no colexio de especialistas), xa que dun censo de 343 persoas, acudiron a votar 268, das que 182 votaron pola candidatura da CIG, 72 pola de CCOO e 14 foron en branco. "Os traballadores e traballadoras de Nervión amosaron unha vez máis a súa implicación e compromiso, participando masivamente nas eleccións e apostando pola candidatura da CIG", valora a CIG-Industria de Ferrol.
Neste senso, explican que a central nacionalista elaborou unha lista o máis integradora posíbel, cunha representación equilibrada do persoal dos dous estaleiros (Fene e Ferrol) e das distintas quendas e profesións. "Sempre apostamos por unha lista unitaria sen distinción do persoal polo lugar onde desenvolven o seu traballo, porque os operarios/as son os mesmos e van a onde os destine a empresa", sinalan.
Os resultados avalan a liña de actuación sindical
Para a CIG-Industria este resultado avala a liña de actuación do sindicato na industria auxiliar (hai que lembrar o conflito desenvolvido no último ano para esixir o cumprimento dos acordos e a súa inclusión no convenio provincial do metal) e a coincidencia no xeito de entender como deben funcionar as subcontratas dentro Navantia. Estes resultados reforzan tamén o compromiso da CIG na defensa dos dereitos e das condicións do conxunto do persoal e para traballar por unha coordinadora de auxiliares.
Nervión é a empresa que ten maior volume de persoal e de carga de traballo, "e o que deciden os seus traballadores e traballadoras é un referente para as demais auxiliares de Navantia". Por iso, dende CIG-Industria agradecen o compromiso de todos os traballadores que quixeron formar parte da candidatura e de todos aqueles que apostaron por ter unha representación sindical con maioría da CIG.