A CIG logra a maioría absoluta nas eleccións sindicais da concesionaria da recollida do lixo de Vigo
A CIG logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas esta fin de semana en FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, ao facerse con 10 dos 16 delegados/as que integran o comité de empresa.
A candidatura da central sumou un total de 315 votos, fronte aos 141 da USO (4 delegados/as) e os 76 de CCOO (2 delegados/as).
Este resultado supón mellorar o acadado no anterior proceso electoral, no que a CIG conseguira 8 representantes, a USO 5 e CCOO 3.
As xornadas electorais deste ano desenvolveuse durante os pasados días 5 e 6, nos que se rexistrou unha do 94,2 %, xa que votaron un total de 536 persoas.
Dende a central sindical agradecen o apoio e a confianza amosada polos/as traballadores/as de FCC, ao tempo que reiteran o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal.