A CIG logra a maioría absoluta na concesionaria de ‘Xantar na casa’ a primeira vez que se presenta
A CIG logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas recentemente en Coesco Deza Culinaria, empresa de cátering con sede en Silleda que xestiona o programa ‘Xantar na casa’ da Consellaría de Política Social, ao facerse con 6 dos 9 representantes que se escollían.
A central sindical sumou no proceso un total de 68 votos no colexio de especialistas, conseguindo 5 delegados/as, mentres que UGT contabilizou 24 (2 delegados/as). Entre o persoal técnico e administrativo a candidatura da CIG colleitou 16 apoios (1 representante) e UGT 20 (1 representante).
Dende a Unión Local da CIG no Deza valoran moi positivamente o resultado, sobre todo tendo en conta que a dirección apostou decididamente pola UGT -sindicato que contaba até o de agora coa totalidade da representación sindical a pesar e que na práctica non se realizaban nin votacións- e non fixo máis que poñerlle atrancos á CIG dende o inicio do proceso. De xeito que agradecen a valentía e a confianza amosada polo cadro de persoal e adiantan a súa disposición a defender os dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as.
Neste senso, detallaron que os principais obxectivos da representación da central sindical na empresa será regularizar a xornada laboral (actualmente hai un exceso de horas de traballo e o persoal non conta sequera cun calendario anual) e lograr un mellor convenio “no que se valoren realmente as labores que desenvolven os empregados/as de Coesco Deza Culinaria”. Xa que na actualidade aplícaselles un convenio estatal polo que ingresan apenas o salario mínimo.
Coesco Deza Culinaria, cun cadro de persoal de 238 persoas, é unha das principais empresas de alimentación concesionaria de servizos coa Administración pública galega, xestionando algúns tan importantes como o programa ´Xantar na casa’ de Política Social, mais tamén a maioría dos centros de día da Xunta, algunhas Galescolas e tamén moitas garderías privadas por todo o país.