A CIG logra a anulación do concurso do SAF do Porriño, que precarizaba as condicións do persoal
A CIG logrou a anulación do concurso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello do Porriño tras presentar un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galiza (TACGAL) ao entender que os pregos de condicións ían afondar na precarización das condicións laborais do persoal. Xa que o Goberno local non incluía a revisión salarial conforme ao IPC e fixaba o prezo máximo do servizo en 19 euros por hora, “quedando o futuro das traballadoras en mans da empresa que veña disposta a incumprir a normativa laboral para sacar beneficio ou cubrir custes”.
Mercedes Domínguez, da CIG do Porriño denuncia que o Concello levou ao pleno o concurso do SAF o pasado 10 de xuño de 2022 sen darlles voz ás traballadoras e sen ter en consideración os seus dereitos. “O PP e o PSOE actuaron en contra dos seus propios actos, aprobando nun pleno extraordinario o concurso despois de que o 26 de xaneiro de 2022 saíra adiante cos votos a favor de toda a corporación unha moción da Plataforma SAF presentada por EU SON na que se reclamaba a municipalización do servizo”.
No mes de marzo rematou a concesión do SAF que ostentaba a empresa Sociser, compañía que por outra banda foi das poucas que en xaneiro cumpriu coa obriga fixada en convenio de actualizar os soldos segundo o IPC. Sociser solicitara ao remate dos dous primeiros anos da concesión, co obxectivo de acadar a prorroga prevista en contrato, a revisión do prezo de servizo para poder afrontar o incremento do IPC.
Pero o PP declinou a proposta e decidiu iniciar a tramitación dun novo concurso para evitar a suba. O 10 de xuño presentou uns pregos para a licitación dos vindeiros dous anos do servizo que foron practicamente un “copia e pega” do concurso anterior. “Mais neste caso cunha eiva notábel en canto á valoración do prezo do servizo, xa que fixaba un prezo máximo de 19 euros por hora, obviando a obriga de incluír a revisión salarial anual igual ao IPC recollida no convenio de Axuda no Fogar, e sen desglosar o custe salarial do prezo ofrecido tal e como establece a normativa de contracción”.
Dende a CIG sosteñen, tras manter unha reunión co responsábel municipal de Servizos Sociais, que esta baixada na valoración do prezo foi “claramente intencionada” co obxecto de abaratar ao máximo o custe do servizo, “sacando a poxa pública as condicións laborais dun grupo de traballadoras xa de por si precarias, quedando o seu futuro en mans da empresa que veña disposta a incumprir a normativa laboral para sacar beneficio ou cubrir custes”.
Novos pregos axustados a dereito
Diante disto, a central sindical presentou un recurso contra os pregos de condicións diante do TECGAL o pasado xoves 23 de xuño. Unha vez coñecidas as alegacións do recurso da CIG o Goberno local decidiu levar ao pleno a nulidade do procedemento e o compromiso de redactar uns novos pregos axustados a dereito. “Neste caso EU SON volveu incidir na necesidade da municipalización do servizo, absténdose na votación que foi aprobada polo resto da corporación”.
Agora na CIG agardan que o Concello teña en conta esta nova oportunidade de atender as reivindicacións dunhas traballadoras que prestan os coidados básicos necesarios para a vida da veciñanza e das persoas dependentes “pero que seguen sendo maltratadas polas institucións a pesar de que pasamos unha pandemia na que foron declaradas persoal esencial”.