A CIG levará adiante as accións necesarias para esixir responsabilidades pola agresión ao presidente do comité de XEAL
A CIG vai pór en marcha todas as accións sindicais e xudiciais que sexan necesarias para esixir responsabilidades pola intolerábel agresión ao presidente do comité de XEAL e delegado da central, Alfonso Mouzo. O ataque fascista que sufriu o pasado sábado non pode quedar sen a súa correspondente resposta, menos aínda cando na agresión participaron persoas que teñen cargos de responsabilidade na empresa.
A CIG, ademais de apoiar ao compañeiro nas medidas que decida levar adiante, promoverá accións tanto no seo do comité como a nivel de central sindical para demandar xustiza e que se depuren todas as responsabilidades por unha agresión que non pode ter cabida nun estado democrático de dereito, que atenta contra a dignidade e contra dereitos fundamentais como o de liberdade sindical.
Ataque á liberdade sindical
Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, incide en que esta agresión non se pode entender fóra do conflito que se está a vivir en XEAL na defensa do convenio colectivo e dos dereitos laborais que a empresa quere suprimir; nin é allea ao clima de crispación xerado pola dirección que, dende que chegou hai dous anos, se dedicou a recortar produción, reducir o cadro de persoal e provocar malestar entre traballadores/as, co obxectivo de desmobilizar e achandar o camiño para impor os seus recortes.
Advirte Carril que estamos diante dun linchamento, dunha agresión similar aos actos de odio fascista que por desgraza se teñen dado no noso pais recentemente, mais neste caso con connotacións sindicais. Pois non hai que perder de vista que se trata dun grupo de persoas que foron a polo compañeiro, que saíron detrás del coa única intención de agredilo e por se non fora abondo, despois de mallar nel, ao día seguinte foron á porta da súa casa a ameazar a familia (un feito gravísimo que tamén está denunciado).
"Preguntámonos até onde están dispostos a chegar e até cando vai calar a empresa? Que pretenden, que a partir de agora para facer labor sindical ou por ser crítico con esta empresa haxa que saír con escolta? Que máis ten que pasar para que pare esta situación?", inquire.
A CIG esíxelle á empresa que condene estes feitos e que actúe en consecuencia. "Porque, que pasaría se a agresión fora no sentido contrario, se fose un traballador quen atacara a un mando intermedio? A dirección de XEAL ten unha inmensa responsabilidade en cortar e atallar este tipo de comportamentos intolerábeis, e como CIG pediremos responsabilidades", subliña Carril.
A Xunta ten que actuar dunha vez
De igual xeito, engade que a Xunta de Galiza ten que actuar dunha vez xa que a súa permisividade con esta empresa, facilítalle proceder con total impunidade represaliando a membros do comité coa apertura de expedientes arbitrarios, ocultando e consentindo situacións de acoso laboral e sexual a traballadoras, apagando os fornos, levando á fábrica ao peche etc.
"Non imos consentir nin calar ante estas actuacións delituosas. Como CIG esiximos unha condena dos feitos sen ningún tipo de cuestionamento nin ambigüidades por parte da empresa e das administracións; e que de inmediato se aparte dos centros de traballo ás persoas que participaron neste brutal ataque a un representante democraticamente elixido polos seus compañeiros e compañeiras para representalas", conclúe Carril.