A CIG levantará un monumento en Vigo para conmemorar os 50 anos das loitas obreiras de 1972
A CIG continuou este luns en Vigo coa presentación dos actos conmemorativos do 50 aniversario das loitas de 1972 que deron comezo ao movemento obreiro galego. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer os actos e as mobilizacións que se desenvolverán na cidade baixo o lema 'Somos Clase. Somos Nación. A loita continúa'. Salientaron especialmente a instalación dunha escultura -preferiblemente no barrio de Coia- en lembranza das protestas de setembro na cidade, así como a celebración dunha gran manifestación nacional.
Carril lembrou que a CIG comezou a semana pasada os actos conmemorativos dos 50 anos das loitas do 72 “sobre a base de que a historia contemporánea do movemento obreiro galego está construída a partir deses mobilizacións, primeiro en Ferrol o 10 de marzo e despois en Vigo en setembro”.
Por iso a central sindical enfoca a conmemoración desta data “non como un exercicio de nostalxia” senón de reivindicación para manter “vivas e vixentes” as loitas que deron orixe ao movemento obreiro galego, “sobre todo non momento como o actual no que asistimos a unha ofensiva do capital contra a clase traballadora e contra o futuro do noso país”.
Neste senso, reiterou que a nova reforma laboral non supón a derrogación das reformas do PP e do PSOE e non recupera nin recolle novos dereitos, ao tempo que a recentralización das relacións laborais impide que Galiza poida ter un marco propio de relacións laborais. Entre os actos que a CIG ten programados citou a proxección do traballo audiovisual 'A semente de 1972', a edición dun libro e unha gran mobilización nacional en setembro na cidade.
Ao mesmo tempo anunciou que a central sindical solicitou os permisos para instalar unha escultura na cidade, preferiblemente en Coia ao tratarse dun barrio obreiro e con espazos suficientes para acoller a obra do escultor Javier Diéguez Mosquera, membro da Asociación de Canteiros de Galicia. A escultura está formada por catro pedras de gran tamaño (2,30 metros de alto, 1,20 de longo e 0,57 de ancho) e a idea é que poida ser inaugurada no mes de setembro. Con todo, a decisión final sobre a ubicación da peza será do Concello de Vigo.
Exemplo de combatividade
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, salientou a vaga de solidariedade que se produciu na cidade a raíz dos asasinatos de Ferrol, con folgas como a que comezou en Citroën en setembro e logo se estendeu a numerosas empresas e sectores e mobilizacións nas que milleiros de traballadores/as desafiaron o réxime franquista. “Ese exemplo de combatividade foi a orixe do que hoxe representa a CIG; foi o modelo que herdamos e do que nos sentimos profundamente orgullosos/as”.
Incidiu en que 1972 é a data que marca o inicio do proxecto sindical da CIG, “polo menos no plano ideolóxico e sentimental”. De aí o interese da central sindical en rememorar o acontecido naquel período e en homenaxear as persoas protagonistas, “non só por nostalxia senón pola necesidade de reivindicar o pasado para saber quen somos e sobre todo onde estamos, porque esas loitas seguen vixentes a día de hoxe”.
Entre os distintos actos que organizará a CIG, ademais da colocación da escultura, fixo especial fincapé na proxección do traballo audiovisual 'A semente de 1972' que terá lugar en distintos centros educativos da comarca e en sedes de asociacións veciñais e de colectivos culturais. “É preciso coñecer o que representa 1972 para a memoria colectiva non só da clase obreira senón tamén de Vigo, por moito que se queira silenciar, porque ese ano é historia viva da nosa cidade, e como tal temos que reivindicalo”.
Solidariedade obreira
Na comparecencia diante dos medios de comunicación tamén participou Xesús Chaves, militante obreiro que en 1972 traballaba en Citroën, empresa da que foi despedido “sen posibilidade de ser readmitido a pesar da famosa Lei de Amnistía”. Daquel ano destaca a “explosión de solidariedade” que se produciu entre a clase traballadora, “pero non unha solidariedade espontánea senón organizada, de autoorganización da clase traballadora galega”.
Para Chaves o acontecido naqueles días foi unha resposta ás presións e á represión tanto da patronal como do sistema fascista de Franco. “Setembro de 1972 foi a culminación de todo un proceso de organización dunha clase traballadora que comezaba a interesarse polos problemas existentes non só da súa propia empresa senón en todas”.
Incide en que foi un ano completo de loitas, como a do convenio de Citroën unha vez rotas as conversas en decembro de 1971, loitas que se intensifican cando chega a nova dos asasinatos de Ferrol. “En Vigo solidarizámonos axiña: paramos as factorías e organizamos mobilizacións, polo que sufrimos unha forte represión con multas, encarceramentos e despidos”.
En maio do 72 a clase obreira da cidade bótase ás rúas de novo en solidariedade cos compañeiros/as de Barreras. “Foi un triunfo tremendo, porque saímos sen despidos nin sancións”. Neste contexto as organizacións obreiras foron medrando en militancia e en solidariedade, agrandando a conciencia de clase dos traballadores/as.
Organizacións propias
Con todo, recoñece que moitas persoas traballadoras decatáronse tarde da necesidade de contar con organizacións obreiras propias. “Eu mesmo comecei a militar en Comisións Obreiras na factoría de Citroën en 1966; onde había organización porque era unha gran empresa instalada nunha cidade; pero cando a partir de 1972 comezamos a organizar o Sindicato Obreiro Galego (SOG) e percorremos o país atopámonos con que nas vilas os traballadores/as non contaban con apoio ningún; entón convencémonos da necesidade de contar cunha organización galega que defenda os dereitos e os intereses de todas estas persoas traballadoras, porque as organizacións estatais só tiñan forza nas grandes empresas”.
Finalmente, quixo deixar moi claro o forte sentimento de solidariedade que había entre a clase traballadora daquela época e a ausencia de “heroes individuais, como pretenden facernos crer; o que si houbo foron centos de heroes colectivos: homes e mulleres traballadoras de Galiza”.