A CIG leva ao xulgado o rexistro retributivo de Domiberia por vulnerar o dereito de igualdade
O Xulgado do Social número 6 de Vigo acollerá este luns 1 de agosto a partir das 11:00 horas o xuízo contra o rexistro retributivo da compañía viguesa Domiberia tras a denuncia presentada pola central sindical ao entender que vulnera o dereito fundamental de igualdade entre mulleres e homes.
A CIG detectou unha serie de irregularidades no rexistro de 2020 unha vez que lle foi entregado pola empresa o ano pasado. “Solicitámolo porque era o primeiro ano que tiñan a obriga de facelo público tras a entrada en vigor do RD/902/2020 de igualdade retributiva entre mulleres e homes”, explican dende a central sindical.
Na CIG lembran que esta normativa contempla varias ferramentas para lograr a igualdade retributiva, sendo unha delas o propio rexistro retributivo, que afonda no principio de transparencia salarial para que se poidan detectar as eivas ou carencias que poidan existir dentro das empresas e marcar liñas de actuación específicas “que fagan que a fenda salarial desapareza primeiro do mundo do traballo e logo a nivel social”.
Mais na práctica as empresas fan un “paripé” e presentan documentos con moitas carencias legais para cumprir con esta obriga normativa, “xa que nos estamos atopando con esta mesma problemática en moitas compañías, tanto a nivel de rexistro retributivo como de negociación de plans de igualdade”. Por iso na central sindical lamentan que as empresas non tomen en serio este tipo de ferramentas de promoción da igualdade, “senón que intentan cubrir simplemente o trámite legal sen negociación e mediante un proceso escurantista no que moitas veces ocultan información”.
Esta falta de negociación foi precisamente un dos problemas que se atopou a CIG en Domiberia, pois a compañía optou por elaborar o rexistro sen consultar coa representación legal dos traballadores/as. Ademais, no documento só figuran os salarios reais e non os normalizados, que son os que corresponderían no caso de que o persoal traballase durante todo o ano.
Implicación do resto do comité
Tampouco se xustifican as diferencias salariais entre mulleres e homes cando son superiores ao 25%, tal e como establece o artigo 28.3 do Estatuto do Traballo (ET). Ao mesmo tempo, o ET indica que o valor a ter en conta é a media das retribucións dun sexo con respecto ao outro, non a media da ambos sexos, “xa que ao facerse deste xeito non se aporta información relevante para o cálculo da fenda salarial”.
Ademais, no rexistro retributivo de Domiberia non figuran desagregados todos os conceptos retributivos que se aplican na empresa (pluses, indemnizacións, complementos extrasalariais, etc). E os datos deberan tamén desagregarse tamén por postos e non só por grupos de cotización.
Finalmente, dende a representación da CIG en Domiberia agardan que o resto de organizacións con presenza no comité de empresa (CCOO, UGT e GTX) se impliquen de xeito activo nesta reclamación “ao tratarse dun dereito fundamental como é a igualdade retributiva entre mulleres e homes”.
Domiberia é unha empresa con sede en Coruxo dedicada á fabricación de envases para a industria conserveira que conta cun cadro de persoal de arredor de 325 traballadores/as, das que o máis do 34% son mulleres.