A CIG leva ao Bispado de Ourense as protestas por acoso laboral e despidos no asilo do Carballiño
A federación de Servizos da CIG de Ourense trasladou hoxe á sede do Bispado as protestas contra o acoso laboral e os despedimentos no asilo que xestiona a Fundación Hermanos Prieto no Carballiño. Dende a central sindical reclaman a readmisión das afectadas e o cese da política represiva contra as empregadas máis antigas.
A CIG responsabiliza o Bispado de Ourense do que está a acontecer, como máximo responsábel do padroado da Fundación, e ao Concello do Carballiño por permitir esta situación “e abrir así o camiño ao despido das traballadoras con maior antigüidade, contribuíndo a transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico”.
Denuncian que a nova xerencia do asilo está a levar a cabo unha política “implacábel” de acoso e de represalia cara as traballadoras máis antigas, chegando a despedir a varias delas polo feito de reclamar os seus dereitos. “Acusamos a dirección de menosprezos e coaccións ás empregadas, e reclamámoslle que cese nesta práctica e que non ameace, nin coaccione, nin despida polo feito de defender os dereitos”. Neste senso, lembran que na actualidade hai xa máis de seis traballadoras que se atopan de baixa por IT “con cadros severos de ansiedade polo trato que reciben a diario”.
Finalmente adiantan que a CIG-Servizos continuará coas mobilizacións, “e xa temos convocada unha concentración de novo diante do Bispado de Ourense o vindeiro 20 de xuño para denunciar o acoso que están a padecer as traballadoras, esixir a readmisión das que foron despedidas e reclamar respecto como persoas traballadoras por encima de calquera interese económico”.