A CIG leva a campaña pola recuperación dos dereitos roubados ás Pontes, Cedeira e Pontedeume
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol ten programadas concentracións esta semana nas Pontes, Cedeira e Pontedeume, previas á tradicional manifestación do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora. Con estas mobilizacións, búscase levar ás vilas da bisbarra a campaña pola recuperación dos dereitos roubados que a central sindical vén desenvolvendo dende primeiros de ano e a través da que se reclama a derrogación inmediata de todas as reformas antiobreiras aprobadas nos últimos anos coa escusa da crise.
"Estamos ante unha data de reivindicación laboral, pero non hai que esquecer que os sectores produtivos do noso país están cada vez en maior decadencia e as clases máis desfavorecidas cada vez en maior risco de exclusión", alertaba esta mañá en rolda de prensa o Secretario Comarcal da CIG, Manuel Grandal. Unha desigualdade da que non escapan as vilas pequenas, "e aínda que nelas resulte menos perceptíbel que nas cidades polo maior arroupe social que existe, tamén é unha realidade".
Por iso, de cara ao Primeiro de Maio, a CIG quere trasladar as súas reivindicacións por toda a comarca, para o que acordou convocar mobilizacións tamén nas principais vilas da comarca.
Mobilizacións:
-As Pontes, xoves 27 de abril, ás 20:00 horas, concentración na Praza Roxa.
-Cedeira, venres 28 de abril, ás 20:00 horas, concentración na Praza Roxa.
-Pontedeume, sábado 29 de abril, ás 12:00 na Praza do Convento.
Manifestación o luns, dende os locais do sindicato
Para o luns Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, CIG ten convocada unha manifestación que, baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas”, sairá ás 12:00 horas do local sindical para rematar na Praza Vella, ao igual que se fixo hai tres anos.
A decisión de concluír na zona do peirao de Ferrol entronca cunha das propostas recollidas na ILP de 100 medidas para a recuperación económica presentada pola CIG, na que se recollía precisamente a rehabilitación dos cascos históricos das cidades como medio para a xeración de emprego no sector da construción.
Data histórica, con reivindicacións moi actuais
Manuel Grandal lembrou que a orixe desta data internacional do movemento obreiro está nas protestas protagonizadas polos traballadores/as de Chicago en 1886, nas que varios sindicalistas foron asasinados por demandar dunha xornada laboral de oito horas. Unha reivindicación que segue moi viva "e que na nosa comarca está totalmente prostituída, pois en contraposición á elevadísima taxa de desemprego que padecemos, atopámonos con que os traballadores e as traballadoras teñen que facer xornadas laborais abusivas", denunciou. Horas extraordinarias que, por suposto, nin se cotizan nin se pagan.
Xunto a isto, engadiu, a continua precarización do mercado laboral reflíctese no tipo de contratación que se está a dar: máis do 95% dos contratos que se fan, sobre todo entre a xente nova, teñen un carácter temporal e máis do 33% teñen unha duración inferior a unha semana. "As consecuencias das reformas laborais en Ferrolterra son moito máis graves, pola elevada taxa de desemprego que sufrimos e pola ausencia de políticas encamiñadas á diversificación do noso tecido produtivo", censurou.
Niveis de emigración "dramáticos"
Unha falta de perspectivas que deriva na emigración da xente nova "a niveis dramáticos". Tanto é así, aseverou Grandal que "xa nos atopamos nun punto no que, se no día de mañá houbera traballo no sector naval, non teríamos profesionais para afrontar ese traballo porque tiveron que emigrar".
"É frustrante que se fale das cifras oficiais do paro, de se hai cen contratos máis ou menos en determinado mes, cando a realidade de Ferrol é que os pais e nais e os avós e avoas deambulan pola cidade porque os seus netos e netas non están aquí. A xuventude desapareceu", advertiu o Secretario Comarcal da CIG. Nesta liña, puxo a atención tamén no alarmante incremento dos índices de pobreza no noso país: "a desigualdade medra en Galiza por riba da media española, e faino con máis crueza na nosa comarca".
Fronte a isto, esixiu un cambio de políticas que favorezan a creación de emprego de calidade e unha "discriminación positiva" para a comarca, porque "non pode ser que Ferrolterra volva quedar marxinada nos orzamentos do Estado e non teñamos sequera unhas infraestruturas adecuadas aos tempos en que vivimos".
A este respecto, advertiu que mesmo a administración está desaparecendo de Ferrol e, polo tanto, recórtanse servizos básicos para a cidadanía "que se ve obrigada a desprazarse até á Coruña para realizar moitas das xestións cotiás".