A CIG lémbralle á Xunta que os institutos de investigación sanitaria de Galiza xa lideran a transferencia de coñecemento
Ante o anuncio do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) de impulsar a captación de persoal investigador co obxectivo de fomentar a creación de empresas e a xeración de patentes, a CIG-Saúde quere manifestar a súa preocupación polo enfoque desta medida, que ignora a realidade actual do sistema galego de investigación sanitaria.
Galiza conta, desde hai anos, cunha rede consolidada de institutos de investigación sanitaria acreditados, como o Instituto de Investigación Sanitaria Galiza Sur, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago ou o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, que xa desenvolven de maneira efectiva funcións de transferencia de coñecemento, valorización de resultados e colaboración co tecido produtivo.
Estes institutos non só xeran investigación de excelencia, senón que levan anos promovendo a creación de spin-off, a protección de resultados mediante patentes e a captación de financiamento competitivo. Fano, ademais, cunha estrutura profesionalizada e con persoal altamente cualificado, que coñece de primeira man os mecanismos de innovación e transferencia.
Por iso, as delegadas e delegados da CIG nos institutos de investigación sanitaria advirten que resulta “profundamente desacertado” trasladar a idea de que o déficit do sistema radica na falta de capacidade para xerar empresas ou patentes. “A realidade é ben distinta: o principal obstáculo é a precariedade estrutural na que desenvolve o seu traballo o persoal investigador”.
A este respecto, subliñan que:
- A temporalidade segue a ser a norma, con contratos ligados a proxectos e sen continuidade profesional.
- A carreira investigadora carece de itinerarios claros dentro do sistema sanitario público.
- As cargas burocráticas e administrativas recaen de maneira desproporcionada sobre o persoal científico e o persoal de xestión da innovación, limitando a súa capacidade real de innovar.
- Os mecanismos de transferencia, aínda existentes e funcionais, non contan co reforzo nin cos recursos necesarios para escalar o seu impacto.
Neste contexto, anunciar novas medidas centradas na captación de talento sen abordar estas deficiencias estruturais supón, na práctica, unha estratexia incompleta e potencialmente ineficiente. “Sen estabilidade laboral, sen incentivos claros e sen unha carreira profesional definida, calquera intento de atraer ou reter talento investigador está condenado a resultados limitados”, aseveran.
Ademais, a creación de novos instrumentos ou programas paralelos pode xerar duplicidades innecesarias e fragmentar un ecosistema que xa conta con actores solventes e recoñecidos. O que precisa o sistema galego de I+D+i sanitaria non é comezar de novo, senón fortalecer e coordinar mellor as estruturas existentes.
Por iso, a CIG reclama:
- A consolidación do emprego investigador dentro do sistema público de saúde.
- O desenvolvemento dunha carreira profesional específica para o persoal investigador sanitario.
- O reforzo das unidades de apoio á innovación e transferencia nos institutos xa existentes.
- Unha estratexia integral que poña no centro ás persoas e non só aos resultados.
Galiza ten demostrado que conta con capacidade para xerar coñecemento, innovación e impacto económico e social desde os seus institutos de investigación sanitaria. “O reto, hoxe, non é crear novas vías, senón garantir que as que xa existen poidan funcionar en condicións óptimas e sostibles. Porque sen condicións laborais dignas, non hai innovación posible”, conclúen as delegadas e delegados da CIG.