A CIG lembra que o cumprimento da Carta Social Europea non é negociable e que o SMI ten que estar nos 1.253 €
A CIG exixe para o ano 2024 que o Salario Mínimo Interprofesional sexa o 60% do salario medio do Estado español e, polo tanto, de 1.253€. A central sindical lembra que o Estado español ten que cumprir coa Carta Social Europea e apunta que o método de cálculo a empregar ten que ser o utilizado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais.
A central sindical, que sitúa o 60% do salario medio nos 1.253 euros, cantidade na que ten que se establecer o SMI, fai este cálculo en base aos módulos salariais que publica a Axencia Tributaria.
O secretario xeral, Paulo Carril, lembra que a CIG vén reclamando desde hai anos que se aplique este criterio e apunta que isto foi, precisamente “o que nos levou a presentar unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais, porque no Estado español estase incumprindo a Carta Social Europea, ao non ser suficiente a contía que se está fixando de salario mínimo para cumprila”.
Por iso Carril “lamenta que o goberno español, a patronal, UGT e CCOO estean nunha nova cerimonia de debate e de confusión para non cumprir a Carta Social Europea”.
Nese sentido, empraza ao goberno español, UGT e CCOO e a propia patronal a que, “ante calquera discusión se ateñan aos cálculos, non que a CIG fai e que están avalados desde hai anos pola Axencia Tributaria á hora de establecer con obxectividade cal é o salario medio, senón que tamén boten man dos propios cálculos que fai o Comité Europeo de Dereitos Sociais que son datos e métodos de cálculo que apenas difiren dos que emprega a CIG e que este Comité obtén de Eurostat”.