A CIG lembra que existe persoal público suficiente para a apertura inmediata do CAPD de Ourense

A Consellaría sostén que non conta coas persoas traballadoras cualificadas necesarias para asumir a xestión do centro, “algo do que si dispón, supostamente, unha empresa privada"
Ourense - 28 Xan 2025

A sección sindical da CIG na Consellaría de Política Social en Ourense lembra que o departamento autonómico conta co persoal técnico cualificado necesario para a apertura inmediata do Centro de Atención a Persoas Discapacitadas (CAPD), ao contrario do que sostén a propia Consellaría. “Persoal existe e a Consellería sabe como contratalo, polo que o CAPD podería estar aberto en menos de cinco días”.

Dende a central sindical saen deste xeito ao paso sas afirmacións do departamento autonómico manifestando que non hai persoal técnico cualificado suficiente na Consellería, “algo do que si dispón, supostamente, unha empresa privada”. 

Hai centos de persoas nas listas de contratación temporal da Xunta agardando a súa incorporación a unha vacante

Neste senso, sinalan que “se teñen o diñeiro suficiente, tal e como indican no informe, queremos lembrar que a data de hoxe, e soamente na provincia de Ourense, nas listas de contratación temporal da Xunta (listas das que se nutre de persoal a Consellería para substitucións e cobertura de novas vacantes) hai profesionais suficientes para a apertura inmediata do CAPD”.

Por exemplo, educadores/as (Grupo A2) -para os que se require a titulación de Educador/a social, Mestre/a en educación infantil ou primaria, grado en psicoloxía, grado en psicopedagoxía- hai neste momento 500 persoas na lista da provincia para a súa incorporación inmediata a unha praza vacante na Xunta.

E para o corpo de psicólogos/as hai 169 persoas; terapeutas ocupacionais, 13 persoas; e traballadores/as sociais, 244 persoas. “Poderíamos seguir poñendo exemplos de profesionais que son necesarios para a atención de persoas con discapacidade e que están á espera de traballar na Xunta”.

Retirada da licitación

Neste senso, pregúntanse por que se non hai profesionais suficientes na Xunta “como é que na pandemia foi persoal propio da Consellaría o que traballou e lle sacou as castañas do lume ás residencias privadas intervidas e xestionadas en moitos casos por entidades sen ánimo de lucro?”.

Persoal que a día de hoxe segue a ser utilizado para intervir residencias públicas con xestión privada, como é o caso da do Carballiño. “Residencia paradigma do que ocorre cando se privatiza un servizo, que a Xunta ten que intervila e enviar persoal propio para garantir a atención axeitada ao persoal usuario, xa que se non, esta non está garantida”.

Polo que lle esixen a Política Social que retire a licitación o CAPD de Ourense e contrate o persoal necesario a través das fórmulas legalmente establecidas para a contratación de persoal funcionario e laboral da Xunta.