A CIG lanza unha campaña para identificar e combater a violencia contra as mulleres no traballo
A CIG desenvolverá este ano, arredor do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia contra as Mulleres, unha campaña centrada na violencia exercida no traballo contra as mulleres baixo o lema “É acoso, é violencia machista no traballo”.
Convocatorias 25-N
Esa mesma data a Secretaría das Mulleres -que tamén fai un chamamento a participar nas convocatorias da Marcha Mundial- ten previstas asembleas de delegadas e delegados para abordar esta cuestión e convocará mobilizacións en cidades e vilas, todas ás 12:00 horas. O obxectivo é visibilizar “unha violencia silenciada, da que non se recollen datos nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais para a toma de conciencia social”.
Así o explicou, en rolda de prensa, a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, quen sinalou que no Macroinquérito elaborado en 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero “non se aborda de forma específica a violencia no traballo” e só se indica que de entre as 9.568 mulleres maiores de 16 anos, o 6,6 % sufriron violencia sexual no traballo e que o 17,3% identifican o agresor como persoa do entorno laboral.
O acoso é un delito
Para valorar estes datos, Castro Monteiro incidiu na necesidade de ter en conta que “moitas mulleres non identifican co acoso condutas sexistas que poderíamos considerar leves -comentarios, piropos, chistes…- pois nestes casos as afectadas sobrepasarían o 50%”. Por iso considerou que o principal problema é precisamente o recoñecemento das situacións de acoso, e a asunción de que “o acoso é un delito”.
A estes datos engadiu os extraídos pola Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que realizou un inquérito a 42.000 mulleres de 28 Estados, das que o 55% foron vítimas de acoso sexual ao menos 1 vez desde os 15 anos. Un estudo do que se tira que o 32% destes acosos sucederon no contorno laboral e que o 90% das persoas acosadas no traballo son mulleres.
Indefensión
A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que as denuncias por acoso son mínimas, xa que o 72% das afectadas non pon en coñecemento da empresa a situación que está padecendo. “A inmensa maioría das traballadoras optan por calar, por medo a non ser cridas, a represalias e mesmo ao despido”.
A este respecto recolleu os datos tirados do informe de 2015 da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo, que revela que no Estado español só se denuncia un 8% dos casos de acoso mentres que na UE a media é de 14,9%. “As empresas incumpren coa obriga de teren un protocolo para a prevención e tratamento do acoso” asegurou, incumprindo así a Lei de Igualdade, en vigor desde 2007.
Asembleas de delegadas/os
Por iso, dada a gravidade da situación, Castro Monteiro adiantou que nas asembleas de delegadas e delegados que se convocarán o propio 25 de novembro, previas ás concentracións, “imos insistir na necesidade de pór en marcha as medidas necesarias para esixirmos a elaboración destes protocolos, a súa difusión e os mecanismos tanto preventivos como de resolución de denuncias”. Isto xunto coa información de que se pode denunciar fóra da empresa, na IT ou nos xulgados.
Denunciou que “o acoso atenta contra a dignidade e integridade das persoas, afecta gravemente á saúde de quen o padece e impide a promoción e o desenvolvemento profesional, obrigando en moitos casos ao abandono do traballo”.
Reiterou, ademais, que o 90% das persoas que sofren acoso son mulleres e incidiu en que “o acoso por razón de sexo reflíctese en que 8 de cada 10 mulleres din sentirse discriminadas no traballo: tarefas por debaixo da categoría, trato ofensivo, relegadas na promoción, relegadas na formación ou con problemas para acceder ao traballo”.
A pesar dos efectos na saúde, a secretaria das Mulleres da CIG apuntou que 9 de cada 10 mulleres sometidas a acoso non solicitou ningún tipo de baixa. Por iso insistiu en que “as baixas producidas como consecuencia directa de acoso terían que estar así tipificadas, de forma que se recoñezan como enfermidade laboral e o acoso tería que estar recoñecido entre os riscos laborais para a saúde”.
Referencia ao acoso nos Plans de Igualdade
Castro Monteiro chamou a atención sobre o feito de que no 31% dos Plans de Igualdade rexistrados no BOE entre os anos 18 e 19 non se faga referencia ás accións contra o acoso. “Os protocolos só constan no 22% dos plans e só o 14% fan referencia ao acoso sexual ou por razón de sexo. Medidas preventivas só se recollen no 6%”, aseverou.
Por iso urxiu a abordar “este problema de violencia de xénero contra as mulleres no traballo con feitos, que se dea conta a través das estatísticas da situación real e que se difunda esta realidade para así promover a conciencia real necesaria para erradicar esta forma de discriminación das mulleres traballadoras”.