A CIG lanza unha campaña para combater a pobreza laboral baixo o lema “Stop Precariedade! Traballo digno”
A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, a campaña “Stop Precariedade.Traballo digno!”, que arrincará o día 1 de febreiro cunha asemblea nacional de delegadas e delegados, no multiusos de Sar, a cuxo remate, ás 12:00 horas, terá lugar unha manifestación que percorrerá as rúas de Compostela. Unha campaña que se estenderá no tempo e que coincide co inicio dunha nova lexislatura no Estado español, en vésperas dunhas eleccións galegas e logo de 2 anos da aprobación da última reforma laboral e do pacto social.
Así o explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen confirmou que desde a aprobación da última reforma laboral multiplicouse a precariedade con novas modalidades de contratación “mudando as estatísticas pero non a realidade”. Unha reforma da que denunciou que supuxo a xeneralización da contratación a tempo parcial e a fixa-descontinua, que substituíu os contratos temporais e que medrou, desde 2021, nun 125,1%, cun incremento en 4,1 puntos das persoas asalariadas con xornada parcial ou fixa descontinua na contratación indefinida.
Xunto a isto salientou que malia aumentar nun 20,7% os despedimentos, baixaron, porén, as indemnizacións percibidas unha media do 34,9%. Cifras que o levaron a concluír que con esta reforma laboral “avanza o despedimento libre a gratuíto” e que “a patronal dispón de máis mecanismos legais para empeorar as nosas condicións laborais e salariais”.
Institucionalización da pobreza laboral
O resultado, para o secretario xeral da CIG, é “unha clase traballadora empobrecida pola instauración, por lei, da inestabilidade laboral” e a “institucionalización da pobreza laboral” que provoca que hoxe, “ter traballo xa non permite os ingresos necesarios para vivir dignamente e poder acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda”. Unha situación na que salientou a mocidade e as mulleres, que foron “convertidas en man de obra barata”.
Neste sentido, apuntou que case 33.000 galegos e galegas emigraron só en 2022, maioritariamente mocidade, e que das persoas que emigraron entre 2009 e 2022, un total de 154.745 foron menores de 29 anos. Tirando dos datos afirmou que 1 de cada 3 persoas traballadoras -o 33,6%- tiveron ingresos inferiores ao SMI; que 177.488 non acadaron os 3.000€ brutos ao ano, ou que en Galiza, 49.300 fogares teñen todos os membros no paro.
Fronte a isto lembrou que en 2 anos as rendas do traballo perderon 3,8 puntos de participación no PIB e que “o 1% da poboación máis rica concentra tres veces máis a riqueza que o 50% máis pobre”. Unha diferenza que “non parou de medrar na última década”, dixo, nun período no que “o 10% da poboación máis rica posúe máis da metade da riqueza do Estado español”.
Combater a precariedade
Para Carril estamos, pois, ante un deseño “planificado polo capital”, no que acusou aos gobernos, tanto galego como do Estado, de estar “entregados á aprobación de permanentes reformas laborais, dentro dun proceso de desmantelamento, desregulación e flexibilización dos dereitos e condicións laborais”. Subliñou que con esta última reforma laboral abriuse unha nova fase que foi completando un programa de reformas, como a da Formación Profesional, a do subsidio por desemprego, a das pensións e a da implantación dos plans de emprego de pensións.
Todo un conxunto de medidas “regresivas para a clase traballadora”, feitas “para satisfacer as exixencias da UE e recibir os fondos europeos”. Un deseño complementado “co papel entusiasta do chamado diálogo social, de CCOO e UGT, que viven na permanente colaboración”. Sindicatos dos que denunciou o seu “entreguismo e renuncia sindical”.
Por iso apelou á mobilización social para conseguir a aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega, xerando conflito na negociación colectiva.
A pobreza ten rostro de muller
A pobreza cébase especialmente nas mulleres. Como apuntou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, segundo os datos da Axencia Tributaria, no ano 2022 “ráchase coa tendencia de diminución da fenda salarial de xénero, aumentando lixeiramente respecto do ano 2021, situándose no 18,7%, “o que significa que as mulleres cobran 4.519€/ano menos que os homes de media”.
A este respecto Castro matizou que 8,1 puntos da fenda débense ao menor salario que teñen as mulleres e os 10,6 puntos restantes “á maior precariedade que sofren no mercado de traballo, pola maior parcialidade e temporalidade”.
A secretaria das Mulleres explicou que as mulleres son maioría nos tramos de menores ingresos e denunciou que a maior parte das traballadoras teñen xornadas parciais e unhya maior temporalidade na modalidade de contratación fixa descontinua.
Neste sentido explicou que o 60% da afiliación á Seguridade Social con contratos fixos descontinuos son mulleres e que tan só o 45,3% tiveron, en 2023, contratos indefinidos a tempo completo, fronte o 70,6% dos homes. Unha diferenza de 25,3 puntos, cando en 2021 era de 21,3 puntos, co que se incrementou en 4 puntos respecto 2021.
No caso dos contratos indefinidos a tempo parcial, que no ano 2021 tiñan o 15,8% das mulleres, aumentou en 2023 até o 20% , mentres que no caso dos homes, estes pasaron do 5,6% en 2021 ao 7,9% en 2023. Do mesmo xeito apuntou que nos contratos indefinidos a xornada non completa, o peso das mulleres é 2,5 veces superior ao dos homes.
En todos os sectores
A secretaria das Mulleres da CIG denunciou, canda isto, a temporalidade afecta especialmente ás mulleres no SERGAS, onde se seguen ofertando contratos dun mes ou de días. Como tamén na sanidade privada “con salarios máis precarios, sen chegar ao SMI e grandes diferenzas salariais en categorías do mesmo nivel de titulación”.
Unha situación que asegurou que tamén se produce no ámbito da administración local nos servizos de coidado, onde tamén as traballadoras apenas perciben o SMI ou no sector da limpeza, no que o 95% do persoal son mulleres, un 80% delas cunha xornada a tempo parcial e cuns salarios, na maioría dos casos, inferiores ao SMI.
Segundo Nicolasa Castro tampouco se libra o sector industrial, e facendo referencia ao sector da automoción denunciou que as mulleres non conseguen acadar postos de responsabilidade e polo tanto os seus salarios son máis baixos, como ocorre nas TIC, nos centros de chamadas, nas escolas infantís, nos centros de atención á discapacidade ou nos centros de menores, entre outros.
Propostas para avanzar en dereitos
Foi o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío quen debullou as propostas da CIG para avanzar en dereitos en materias como emprego, suprimindo as ETT; prohibindo medidas que promovan a contratación a tempo parcial ou simultanear un ERTE con medidas de recorte, descolgues, modificación das condicións de traballo ou a desregulación de xornada.
Canto a contratación defendeu que o período de proba non poida ser de máis de 15 días e respecto dos contratos fixos descontinuos que o tempo mínimo entre chamamentos non se poida alongar máis de 2 meses ou que nos de tempo parcial estea limitada a porcentaxe de persoas con esta modalidade, por empresa, nun máximo do 15% do cadro de persoal.
Sobre o sector público reclamou a desaparición da taxa de reposición; limitar as interinidades e que se garanta por lei a prestación dos servizos públicos con persoal empregado público, evitando a privatización. Tamén demandou a prohibición das cadeas de subcontratas; exixiu que ás persoas traballadoras dos centros especiais de emprego se lles aplique o convenio de sector; o reforzamento da causalidade do despedimento ou a recuperación da autorización da autoridade laboral, así como o carácter vinculante do informe de Inspección de Traballo.
Isto xunto a eliminación das modificacións substanciais en materia de remuneración e contía salarial e de redución de xornada, ademais de toda unha serie de medidas de protección e dereitos sociais como a derrogación do IPREM, recuperando o SMI como único indicador; melloras nas contías das prestación contributivas e do subsidio por desemprego ou unha Renda de Inserción Laboral e Laboral na contía do SMI para as persoas maiores de 18 anos.