A CIG lamenta profundamente os accidentes laborais acontecidos en Compostela e Pontevedra e traslada o seu pesar ás familias

Insta á Xunta de Galiza a incrementar os controis en materia de formación e prevención de riscos laborais
Nacional - 14 Ago 2024

A CIG lamenta profundamente os accidentes laborais con resultado de morte de dous traballadores, practicamente á mesma hora e en días consecutivos,  nun caso nas instalacións da empresa Castrosua, en Santiago, e noutro nunha nave situada no lugar de Pazos, en Marcón, Pontevedra.

A central sindical traslada o seu pesar ás familias e agarda que se aclaren as circunstancias nas que se desenvolveron estes tráxicos incidentes para que se adopten todas as medidas preventivas necesarias a fin de que sucesos tan graves como estes non volvan acontecer.

Estes terribles accidentes súmanse aos que se veñen producindo no último ano, que segundo o Ministerio elevábanse xa a 22 vítimas mortais á altura de abril. Unha cifra que para a CIG é “inasumible” e debería poñer en alerta ás autoridades laborais para que incrementen a vixilancia nas empresas para que se cumpran as medidas de prevención pertinentes, único xeito de pór freo á elevadísima sinistralidade que se está a dar en Galiza.

Recortes en materia de prevención

O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, denuncia, en todo caso, a política en materia de Prevención e Saúde Laboral do Goberno mais tamén, e sobre todo, da Xunta de Galiza, que é a que ten as competencias na materia.

Apunta, neste sentido, os recortes do Ministerio de Traballo en Inspectores de Traballo e Subinspectores, e de Inspectores, por parte da Xunta, no ISSGA (Instituto de Saúde Laboral de Galiza), que dificultan o control das empresas que incumpren e que provoca que cada vez haxa menos cultura preventiva e de sensibilización dos traballadores e traballadoras nos centros de traballo. “As empresas, cando teñen que facer formación en materia de prevención non a toman en serio e isto conleva que aumenten os accidentes, que aumenten os accidentes graves e tamén, por desgraza, os accidentes mortais”.

Lamenta, ademais, que Galiza estea situada, ano tras ano, nos primeiros postos do Estado en accidentes mortais, “a cara máis terrible da sinistralidade laboral” e lembra que na provincia de Pontevedra houbo xa un conflito e unha folga por esta cuestión no sector de Metal e no Naval de Vigo. Sinistralidade que lonxe de frearse esténdese a todo o país “porque ao final os recortes se aplican a todo o territorio”.

A precariedade incrementa a sinistralidade

O secretario confederal de Emprego explica que se está producindo un aumento de accidentes en itinere malia a propia UE xa ter unha norma segundo a que as empresas deberían contar cun plan de mobilidade, promovendo o transporte compartido. Fronte a isto sinala que, porén, “as empresas que tiñan transporte compartido quitárono, o que fai que haxa máis traballadores/as indo de forma individual ao centro de traballo e, polo tanto, máis accidentes”.

Outra das causas principais de falecemento que sinala son os accidentes provocados por infartos e enfermidades cardíacas, o que atribúe a un aumento da carga de traballo para aumentar a produtividade das empresas. “Redúcese o persoal, que ten que traballar máis tempo, pero non se reduce a xornada laboral”.

A este respecto denuncia que en moitos centros de traballo non teñen regulados os descansos ao longo da xornada e que estamos moi lonxe desa xornada laboral de 35 ou mesmo de 32 horas que teñen nos países de Europa. “Aquí non é de 40. Sabemos que hai moitas horas extra que se fan e que aínda por enriba non están remuneradas”, afirma.

Un cúmulo de circunstancias que non se abordan e que están a provocar que haxa un número de accidentes tan grande e que Galiza sexa a que ten maiores índices de sinistralidade, en concreto da mortal, a máis terrible de todas.

Agardando os resultados das investigacións das distintas autoridades competentes, todo apunta a que non se cumpriron as medidas de seguridade que poderían ter evitado estes fatais accidentes. A CIG insta, por iso, á Xunta de Galiza a reforzar a Inspección de Traballo para que se incrementen os controis ás empresas e se faga cumprir a lexislación en materia de prevención e saúde laboral.