A CIG esixe que se esclarezan as causas do accidente laboral no que faleceu un traballador nunha obra en Negreira

Traslada as súas condolencias e solidariedade a familiares e compañeiros e compañeiras
Negreira - 10 Set 2026

Responsables da Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) de Compostela visitaron onte a obra na que faleceu un traballador en Negreira para interesarse polo acontecido. No lugar dos feitos puideron comprobar que estaba Inspección de Traballo, técnicos do ISGA e a policía xudicial investigando o accidente. A CIG exixe que se esclarezan as causas e, de ser o caso, se adopten as medidas necesarias se existe responsabilidade empresarial.

Segundo puido saber a FCM-CIG, ao parecer o traballador caeu desde o tellado, polo que, aínda que se está investigando, todo parece indicar que non dispoñía das medidas de prevención necesarias para que iso non acontecera. 

A central reclama da Inspección de Traballo e das administracións que adopten as medidas necesarias para que cese a explotación de persoas traballadoras nas obras

Polas informacións obtidas, o obreiro era de orixe brasileira e afincado en Portugal. Desde a FCM-CIG, veñen denunciando a situación precaria na que se atopan nas obras moitos traballadores estranxeiros no noso país, facendo interminables xornadas, con horas extras que non se lles pagan, con importante risco para a súa saúde e mesmo para a súa vida.

Por iso, desde a FCM-CIG, ademais desa minuciosa investigación, exixen da Inspección de Traballo e das administracións que adopten as medidas necesarias para que cese a explotación de persoas traballadoras nas obras, e nomeadamente das estranxeiras, que se garantan condición dignas e un escrupuloso cumprimento da lexislación laboral e en materia de prevención de riscos para rematar, dunha vez por todas, coa lacra dos accidentes laborais en todas as obras.